Justin Bieber cancela a súa xira mundial por problemas de saúde

S.R. MADRID / COLPISA

SOCIEDADE

Mario Anzuoni | REUTERS

O cantante canadense recaeu da síndrome Ramsay-Hunt, unha afección que lle paraliza parcialmente o rostro

07 sep 2022 . Actualizado á 10:46 h.

Justin Bieber cancelou o resto da súa xira mundial Justice World Tour por problemas de saúde. O canadense sufriu unha recaída da enfermidade que padece, a síndrome Ramsay-Hunt, unha doenza que lle paraliza a metade do rostro e que lle foi diagnosticada a principios deste ano.

Bieber, que xa se viu obrigado a pospor a súa xira no mes de xuño, compartiu agora un comunicado a través de Instagram no que anuncia que «necesita tempo para descansar».

O cantante realizou seis concertos en Europa este ano, pero pasáronlle factura. «Esta pasada fin de semana actuei en Rock in Rio e dei todo o que tiña ao público do Brasil. Despois de baixar do escenario, o esgotamento superoume e deime conta que teño que dar prioridade á miña saúde neste momento. Así que me vou a tomar un descanso das xiras por agora. Vou estar ben, pero necesito tempo para descansar e mellorar», reza o comunicado compartido a través das redes sociais.