Un documental segue os pasos de Justin Bieber

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

MARIO ANZUONI | REUTERS

Amazon Prime estrea a longametraxe sobre o cantante, que mostra un momento crucial na súa carreira

08 oct 2021 . Actualizado á 16:35 h.

O documental Justin Bieber: Our World, centrado na vida do cantante canadense e nun concerto que ofreceu en Noitevella do 2020, estréase este venres en Amazon Prime de xeito simultáneo en máis de 240 países. A longametraxe está dirixido Michael D. Ratner, que tamén estaba detrás do documental Demi Lovato: Dancing with the Devil, no que a cantante falaba da violación que sufriu na adolescencia.

Segundo explica Bieber «para min actuar en directo e conectar cos meus fans a través da música é moi importante. Especialmente durante o ano pasado, ser capaz de axudar e compartir as miñas habilidades para levar algo de felicidade á xente durante unha época tan triste e aterradora significou moito para min».

O documental é unha instantánea crúa e sen precedentes de Justin e os seus achegados durante un momento crucial da súa vida e carreira», engadiu Jennifer Salke, Head of Amazon Studios. «O cineasta Michael D. Ratner capturou marabillosamente o espírito de Justin a través de momentos únicos tanto dentro como fóra do escenario. Estamos encantados de invitar os fans de Bieber de todo o mundo para gozar do que é un retrato autenticamente íntimo dun dos músicos máis icónicos do mundo», asegurou.

Bieber é un dos cantantes máis exitosos do mundo. Actualmente é o artista número un en Youtube, con máis de 60 millóns de subscritores, e en Spotify, con máis de 75 millóns de oíntes mensuais.