
Tras o meu breve paso polas illas Sándwich e como son da xeración X, decidín revisitar a serie de televisión Magnum P. I. Un boomer elixiría a Hawai Cinco-0 orixinal (1968-1980), un millenial o seu remake do 2010, un Z Lilo e Stitch (2003) e un alfa ningunha, porque estaría a mirar o móbil.
Magnum ten ademais o atractivo engadido, para os que nos gusta o mundo do motor, de lembrar os coches propiedade de Robin Masters, o dono da mansión na que vivían (máis ben pelexaban) o detective protagonizado por Tom Selleck, que se movía nun Ferrari 308 GTS, e o mordomo Higgins, que prefería un luxoso Audi 100. Así que me dispuxen a ver o episodio piloto e ao principio todo encaixaba: a pegadiza sintonía orixinal, as camisas floreadas, as praias paradisíacas, a paisaxe volcánica... Pero tras ese déjà vu inicial impúxose a realidade. As tramas infantís, o guion descerebrado, as interpretacións teatrais e afectadas. Polo menos, a serie non se toma demasiado en serio a si mesma e isto é o mellor que se pode dicir dela, que ás veces te ris.
Moito peor foi o que me sucedeu hai uns meses con Corrupción en Miami. Do centenar longo de capítulos, cóntanse cos dedos dunha man os que podería salvar; hoxe a produción non pasaría da primeira tempada (tivo cinco). Aquí o máis notable é a estética: a arquitectura art decó, os tons pastel, a música pop, as blazers de Sonny Crockett e as chaquetas cruzadas de Ricardo Tubbs, e, por suposto, o Ferrari Testarossa branco (e antes o falso Daytona negro). Pero os fíos argumentais son plastilina e hai secundarios bochornosos.
Cando empezaron as series de calidade? Probablemente foi con Canción triste de Hill Street, que introduciu unhas tramas e personaxes máis pegados á realidade. Ao seu lado, Starsky e Hutch e Los Ángeles de Charlie eran pirotecnia e xarope de glicosa. Logo, xa co cambio de milenio, chegarían Os Soprano, Irmáns de sangue, The Wire (para min, indiscutiblemente a mellor da historia), e as plataformas de streaming farían saltar a banca en canto a medios económicos e opcións de visionado. Agora pódeste atopar de todo, ata reposicións de fai case medio século, así que lembren: «Teñan coidado aí fose».