Luis Zahera: «Son un actor secundario e agora chega o momento de facer un protagonista»

BEATRIZ PALLAS REDACCIÓN / LA VOZ

PRATA Ou CHUMBO

Luis Zahera, en la serie «Animal»
Luis Zahera, na serie «Animal» JAIME OLMEDO / NETFLIX

O actor afronta o seu primeiro papel principal na comedia de Netflix «Animal», grabada en Galicia, onde encarna a un veterinario rural desubicado nunha moderna tenda de mascotas

22 sep 2025 . Actualizado á 19:08 h.

A pesares da súa impoñente presenza na pantalla e da súa colección de premios como intérprete, Luis Zahera (Santiago, 1966) foi sempre, ata agora, un dos grandes actores secundarios do cine e a televisión. O seu primeiro papel protagonista chega da man da comedia Animal, onde encarna a Antón, un veterinario que malvive na Galicia rural e que se ve abocado a traballar na cidade coa súa sobriña (Lucía Caraballo) en Kawanda, unha tenda moderna e paraíso dos propietarios de mascotas. Esta serie de Víctor García León, producida por Aitor Gabilondo a través de Alea Media, gravouse integramente en Santiago e en municipios de A Coruña como Dioño, Pontemaceira, Teo e Vedra. Foi na rodaxe desta serie onde coñeceu a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes. O vindeiro 3 de outubro chegará a Netflix.

Mentres, segue traballando sen descanso e pronto arrancará a rodaxe da película Cruzados, de Bambú Producciones, dirixida por Sánchez Arévalo; prepara Z, un filme de espionaxe de Dani de la Torre protagonizado por Mario Casas, e prosegue co seu monólogo, Chungo, por toda España. «Estou nun momento doce que me colle un pouco maior, xa empezo a estar un pouco estresado, con ansiedade, como estamos todo María Santísima neste mundo, pero desfrutando moito do meu traballo», afirma.

—Como foi rodar de novo en Santiago, nos paisaxes da súa infancia?

—Da man de Alea Media, falei co produtor, Aitor Gabilondo, e ofertoume esta personaxe dun veterinario no mundo do rural. Agora que hai esta ida cara as cidades, este fin de ciclo do rural, este cambio de época, este veterinario vese descolocado, porque se ten que mover a unha tenda destas modernas onde todo é plástico. Aquilo non é o del, o xeito de estar cos animais de cando el era cativo. Gustoume moito esta premisa, porque eu fago pouca comedia. E estiven encantado de voltar a Galicia a traballar e encontrarme con Morris e con todo o equipo de alá.

—A súa pegada na pantalla é tan grande que costa pensar que este veterinario é o seu primeiro papel protagonista nunha serie.

—Home, eu prefiro pensar que é o meu primeiro coprotagonista, porque está Lucía Caraballo como coprotagonista. Eu son un secundario e agora chega este momento doce de facer un protagonista en Galicia, no meu país. Moi orgulloso de que se dea esa coincidencia.

—A pesares dos seus moitos papeis de malvado, logrou conquistar o corazón do público. Con Antón, un home arisco pero bondadoso, vano querer aínda máis...

—Agradezo o comentario. A ver a recepción que ten a serie na súa estrea e que lle parece ao público. Esperemos que lle chiste, que lle preste ver as vicisitudes deste veterinario que pasa do rural á vida na cidade para adaptarse a esta nova situación. A verdade é que si noto o cariño da xente e estou moi agradecido, traballo no que me gusta, mellor imposible... E esperemos que siga así. Eu, que empecei en Luar, estou moi agradecido a Xosé Ramón Gayoso, a Televisión de Galicia e a Voz Audiovisual, que arrancamos con Mareas vivas e posicionounos. O outro morreu como Chanquete e eu morrerei como Petróleo grazas a Televisión de Galicia. Moi orgulloso e moi agradecido.

—Un dos aspectos que move as tramas de «Animal» é o enfrontamento entre aqueles que, como Antón, ven aos animais como tales e aqueles que os tratan coma fillos. Como cre que vai encaixar esa ironía en torno ao mundo ás mascotas?

—Eu espero que se entenda ben. Antón é doutro tempo, onde había outra relación cos animais. Está namorado da profesión, pero pode que non teña esa relación cos animais como se foran meniños ou persoas. Xógase con iso en clave de comedia e a xente entenderao. O director, Víctor García, di que animal non é unha comedia, é unha grimedia, que é unha mestura entre grima, noxo e comedia. E xoga con iso cun certo humor negro. Antón é un pouco Doutor House, que a todos nos chistaba ver a caña que daba. A cousa vai por aí e esperemos que a xente o acolla ben.

—Os mozos que traballan con Antón chámano «boomer». Sente vostede que é un insulto ou un privilexio?

—Eu son un baby boomer. Eramos cinco fillos na nosa casa e era outro mundo. Cando eu era rapaz había dúas canles na televisión, a primeira e a segunda canle. Hoxe todo mudou. Non había móbiles. Ti quedabas cos amigos porque sabías que a tal hora estarían por alí, por un sitio de Compostela, e ti aparecías. Era outro mundo, absolutamente distinto. Eu son deses que tristemente pensan que calquera tempo pasado foi mellor, porque son un pouco dese xeito de pensar. A vida de agora paréceme moi atrapallada, con dúas mil verdades e dúas mil mentiras, todo ao mesmo tempo, os móbiles... Xa cumpro 60 anos o ano que ven. A felicidade é a infancia e eu estou encantado do meu tempo de rapaz, pero a vida vai máis rápida e hai que adaptarse ou morrer.

—Unha das premisas de Alfred Hitchcock era non rodar nunca con nenos nin con animais. Pensou nel algunha vez gravando entre vacas e ovellas?

—Si, home, nalgún momento hai que repetir un lote de veces unha escena porque os animais van á súa maneira. É un pouco máis tedioso e tes que ter máis paciencia, pero ao final todo sae.

—Viviu algún momento tenso con algún animal?

—Si, cunha cobaia, que é como unha rata moi elegante, cunha melena. Hai unha trama en que eu recollo unha cobaia preñada. Eu [o seu personaxe] estaba cunha depresión e tiña que manipulala de aquí para alá, collela e darlle uns mimos. Entón ela, estando preñada, ao estar cun animal de 80 kilos coma min, á cuarta toma pegábame unha boa dentellada, sempre no mesmo sitio, no bico da barba, e podíame trabar ata facer sangre, porque ten uns incisivos moi poderosos. Pero ela simplemente te advertía, como pedindo que a deixaras en paz. Entón eu pedía que acabaramos porque ela poñíase nerviosa e a defender o que levaba dentro dela. Despois tivo catro criaturas e xa cambiou o xeito de traballar con ela. Quedei pampo ao ver como me advertía de que estaba preñada e que deixara de manipulala. Era moi curioso.

—Vostede ten mascota?

—Nada, eu con este traballo, que estás de aquí para alá, hoxe aquí, maña en Barcelona, pasado en Zaragoza... Non, non, imposible. Para ter un animal, hai que ter unha responsabilidade, termar del e coidalo. Cando sexa maior, alí na miña illa de Arousa igual podo recoller algún... unha cobaia, por exemplo.

—Despois de tantos meses de traballo, moita xente vai devorar os oito capítulos nunha tarde?

—É curioso, que esteas un lote de tempo... O consumo é así, son os novos tempos. Como din os arquitectos un edificio tapa outro agora e agora os edificios son así, coma champiñóns, coma cogomelos.