A guía que mostrou Santiago a Maná: «Alucinas ao ver a súa ilusión por 'turistear' e por ensinar as cidades onde tocan»

VIVIR SANTIAGO

María Otero, a cargo de Destino Noroeste, acompañou aos integrantes da banda mexicana ao longo dun breve percorrido polo centro histórico compostelán. «Chamoulles a atención a antigüidade de toda a cidade e, en concreto, da USC, inmortalizándose en Fonseca. O fillo de Fher Olvera non dubidou en dar voltas diante da árbore da ciencia...»
07 jul 2025 . Actualizado á 13:51 h.Foi nas redes sociais da súa firma de visitas guiadas por Compostela, Destino Noroeste, onde María Otero Romaní compartiu que tivera a «sorte e o pracer de guitar un ratito por Compostela a varios integrantes do grupo Maná», engadindo na publicación unha foto na que lla ve onda os membros do grupo no Pazo de Raxoi, a cuxo balcón incluso saíron o venres para saudar. «Sorpresas que che dá o traballo», engade a guía, feliz da oportunidade. «Aínda así, e debido ao pouco tempo que lles queda para coñecer cada enclave onde tocan, deume pena non poder realizarlles a visita enteira», engade, admirando aínda así o interese do grupo mexicano por coñecer e por imbuírse da historia dos distintos destinos onde tocan.
«Alucinas ao ver a súa ilusión por turistear, como dicía o cantante, Fher Olvera. Iso é algo que incluso repetiu nos vídeos que foi gravando durante o paseo e para os que recuperaba detalles da narración que lles cativaban», explica María Otero, aclarando como foi o proceso para contactar con ela e como se desenvolveu o itinerario.
«A min chamábame pola semana a promotora do concerto, Sweet Nocturna, aclarando que buscaban a unha guía de confianza para unhas personalidades públicas que ían tocar a fin de semana en Santiago. Ao saber o idioma, castelán, xa atei cabos e imaxinábame que sería Maná. Aínda así, para min todo foi unha sorpresa; un afago. Xa o mesmo venres, chamáronme do seu equipo e quedamos no Obradoiro. En principio ía comezar a visita ás 19.30 horas, pero, finalmente arrincou sobre as 20.15 horas. Con grupos así, que moven tanto equipo, con tanta seguridade, é complicado», reflexiona, lembrando como as primeiras explicacións achegounas no mesmo Obradoiro, onde o grupo chegou nunha furgoneta, debaixo dos soportais de Raxoi. «Así estabamos un pouco máis ocultos, aínda que en todo momento a xente non parou de pedirlle fotos», comparte a guía.
«De Santiago chamoulles moito a atención que fose unha das tres cidades santas da cristiandade e que fose declarada en 1985 cidade Patrimonio da Humanidade, así como tamén toda a súa antigüidade. En concreto fixáronse moito no ano 1495, cando se fundou a USC, facéndose unha foto diante da placa. Na visita ía tamén o fillo, adolescente, do cantante. Paramos diante da árbore da ciencia de Fonseca —un dos reclamos turísticos da cidade ao ser onde moitos mozos, de costas, escollen a súa vocación entre as disciplinas que se impartían antigamente na Universidade de Santiago—, el mozo non dubidou en dar varias voltas, e saíulle Historia. Aí, un dos integrantes do grupo preguntou por que non había unha rama de música, pero xa aclaramos que se integraba en Artes», continúa a guía.
«Aos músicos, outra cousa que lles espertou moita curiosidade foi a orixe do nome Compostela, baseado na lenda do campo das estrelas de Paio, o eremita. Fher ata lle deu o seu toque persoal, razoando con que caían as estrelas. Xa lle dixemos que exactamente non era así», comenta sorrindo María Otero, lamentando que o percorrido quedase curto. «Na Quintana, onde chegamos por Vía Sacra, para ter a mellor vista da praza, estaba a celebrarse o festival Cortocircuíto, e, ante tanta xente, os de seguridade aclararon que era mellor non exporse», apunta, aclarando, aínda así, que parte do equipo pediulle repetir o sábado pola mañá a visita, xa máis longa, de tres horas. «Con eles si puiden facer o percorrido ao uso, de tres horas. Desde o equipo aclaraban que para os músicos é difícil ao non dispor de tanto tempo para poder facelo», sinala, querendo recoñecer de novo o xesto de que un grupo de primeiro nivel mostre tanto interese por coñecer os destinos onde toca.
«É cero habitual e é moi eloxiable que se interesen por todo. Eles acaban de compartir nas súas redes sociais uns vídeos que fixeron no Porto. Haberá que agardar a que publiquen os de Santiago para ver as súas impresións, pero, polo que dicían, gustoulles moitísimo. E non era a primeira vez que estaban aquí», realza a guía.
«Cando saíron ao balcón do Obradoiro a saudar, a xente alucinaba», insiste.