A parella de mulleres que vivía no século XIII na rúa dá Moeda Vella de Santiago: «É un caso único no continente europeo»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

Onda San Martiño Pinario, fronte á Catedral, unha placa lembra que alí moraban no medievo María Leve e Sancha Pérez, como lembra unha cantiga. «É abraiante que coñezamos a rúa onde vívían, ou pensaba vivir; que saibamos os seus nomes; e tamén a ligazón afectiva que as unía», valora o profesor Carlos Callón

03 jul 2025 . Actualizado á 09:30 h.

«Ena Moeda Velha vai morar/ Dona Maria Leve, ao seu pesar». Ese retrouso da cantiga de Joán Vasques de Talavera pon nome a unha muller que no século XIII, nun momento de grande auxe da lírica galego-portuguesa, moraba na rúa da Moeda Vella, en Santiago, nunha ruela que bordea o mosteiro de San Martiño Pinario, case enfronte á Catedral compostelá. «Sancha Perez leve vós ben parecedes». Nesoutro verso o propio compositor e poeta queixaríase a Sancha Pérez por non facerlle ela caso. «O motivo é o amor que Sancha sente por María. Hai quen entende que ese ‘leve’ é un xogo de palabras polo apelido de María Leve», explica Carlos Callón, profesor de secundaria e da Universidade de Santiago, e autor do libro Vidas e historias LGBT dá Idade Media (Xerais), aludindo á historia entre esas dúas mulleres que unha placa, situada desde o 2016 na propia rúa dá Moeda Vella, tamén lembra e á que moitos miran en Compostela durante as celebracións polo Día do Orgullo LGTBIQ+.

«O trobadorismo galego conserva, non só grandes tesouros estéticos, se non tamén históricos. E a través do trobadorismo galego, de esplendor nese século XIII, coñecemos o caso de dúas mulleres, Sancha Pérez e María Leve, que, segundo nos din as cantigas de Joán Vasques de Talavera, viviron ou pensaron en ir vivir nesa rúa de Santiago. É un caso único en todo o continente europeo xa que nel sabemos o nome dunha parella de mulleres —mesmo cunha cantiga que fala do amor entre elas— sen ser iso unha condena. Nese sentido podemos ver como as pedras non só gardan testemuños relixiosos, senón tamén históricos, e mesmo moitas veces sobre ángulos moi ensombrecidos da historia, e que cómpre repasar», destaca Carlos Callón.

«O que acontece con moita documentación antiga e medieval é que, en ocasións, sobre determinadas persoas, só que se coñece o que nos din eses documentos. Neste caso é abraiante que coñezamos a rúa onde vivían, ou pensaba vivir; que saibamos os seus nomes; e tamén a ligazón afectiva que as unía», remarca Carlos Callón, desde a rúa dá Moeda Vella, unha rúa que conserva intacto o seu nome desde o medievo.

«O nome da rúa fai referencia a que aquí houbera unha ceca, unha fábrica de acuñación de moeda nos séculos XII e XIII. Nese sentido tamén é interesar observar a importancia histórica de como no reino galego houbo varios lugares onde se cuñaba moeda propia, e como aí houbera esta fábrica, da moeda antiga», subliña Callón.

«Téñense varias teorías sobre como ambas mulleres viñeron a esta zona, sobre a que ademais tamén hai conxecturas. Unha delas é que, na Compostela medieval, a rúa da Moeda Vella era a dos bordeis, que co tempo iría logo extramuros. Hai quen defende esa posibilidade. De feito, na entrada desta rúa, consérvase, aínda que non é medieval, a figura dunha serea, moderna, pero que podería ser unha continuidade dunha simboloxía medieval. Sabemos que en varias cidades da Europa medieval as sereas eran unha marca de zona de prostitución. Outra opción é que elas puidesen vir á rúa por ser unha zona comercial», sinala. 

«Sobre as mulleres tamén hai varias posibilidades de interpretación, sobre todo a partir da palabra manceba que aparece na cantiga. Pode ser que fose unha parella de prostitutas; que fosen simplemente amantes; ou a de que pasasen a ser amantes a partir de ser unha criada da outra», entende Callón, querendo pór o foco noutro dato.

«Algo destacado, que acontece nestas cantigas, e noutras do trobadorismo medieval galego-portugués, é que a relación entre mulleres en varias ocasións é interxeracional, sendo unha delas maior que a outra. Iso chama a atención porque non acontece nas cantigas trobadorescas que falan da relación entre homes, cando era o que podiamos esperar, ao ser ese un ideal, que viña da antiguidade. No noso trobadorismo tan rico tamén nese sentido, na información que nos chega, as relacións interxeraciones estarían, no entanto, no lado feminino», subliña.

«En moitas ocasións cando se tentou na idade contemporánea recuperar a memoria dos colectivos LGBT, víase que había testemuños da antigüidade, por exemplo en textos lésbicos, pero non se atopaba nada da Idade Media. No noso trobadorismo atopamos sen embargo, xa neste caso, unha cantiga amatoria, entre dúas mulleres sobre a que distintos profesores da USC teñen estudado moito. En conxunto, a metade dos textos sobre lesbianismo que coñecemos nestes momentos da Idade Media están escritos en galego-portugués, e iso tamén é abraiante», conclúe. 

«Direi-vos ora que oín dizer,
de Maria Leve, assi haja bem,
pola manceba: que se desavém
dela: e pois lhe ali nom quer viver,
ena Moeda Velha vai morar
doa Maria Leve, a seu pesar.

Ca atal doa como ela guarir
nom pode ali, se manceba nom há;
e vedes que oín, amigos, já:
que, pois que se lhe a manceba quer ir,
ena Moeda Velha vai morar
doa Maria Leve, a seu pesar.

Ca Diz que morará ali mal e lai,
poi-a manceba sigo nom houver;
e contra Sam Martinho morar quer,
pola manceba: que, xi lhe ora vai,
ena Moeda Velha vai morar
doa Maria Leve, a seu pesar.
Ca nom pode a manceba escusar,
se na Moeda Velha nom morar».
Joán Vasques de Talavera