E a prata nupcial é para... Alberto Romar

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

O alcalde de Santa Comba goza coas vodas civís e advirte a Doval: «Que se prepare Oroso, que aquí vén unha boa fornada de casamentos»

12 ago 2025 . Actualizado á 14:55 h.

Ambos son mozos; ambos son alcaldes con maioría absoluta desde maio do 2023; e ambos gozan oficiando as vodas dos seus conveciños. Un é do PP e rexe Oroso; e o outro é do PSOE e goberna Santa Comba. O primeiro é o orosino Álex Doval, que suma 55 ligazóns civís, e o segundo o xalleiro Alberto Romar, que acada os 31. É un dato que o socialista descoñecía ata que onte mesmo comentáronllo os técnicos municipais, que repasaron a estatística casamentera da localidade tras coñecer os números de Doval: «E os meus son 31 casamentos civís, catro de aniversario de 50 anos e outros dous de 60 anos», comenta un Romar que lanza entre risos unha advertencia ao seu homólogo: «Que se prepare Oroso, que aquí vén unha boa fornada de casamentos e poderemos superalos en calquera momento», dando así inicio a un incruento pique entre os dous municipios coruñeses. El en todo caso engade unha variable: «Tense que analizar tamén o porcentaxe de divorcios, porque hai que casalos ben casados». Admite que no seu marcador, figura un: «Caseinos e separáronse aos catro meses. A verdade é que non forzaron moito o amor».

Romar é unha tarefa que se toma moi en serio. Aínda que poden exercela todos os edís da corporación, só nun par de ocasións foi a súa compañeira Noelia Baleato quen oficiou. «A verdade é que me gusta realmente facelo, e hai días emotivos de verdade. Son xente coñecida e que entras na súa vida. En ocasións prepárolles cun amigo meu un vídeo con fotos dos noivos, con cancións que sei que lles gustan». Porque se reúne antes da cerimonia con eles e con familiares para preparar un pequeno discurso que nunca falta. E aí recoñece que tivo un bo mestre: o xuíz de paz xalleiro Paco Arán, quen lle deu as directrices de como articulalo antes da súa primeira ligazón. Romar lanza entre risos que se está pensando incorporar monaguillos ás vodas, «e un que é imprescindible é el».

O alcalde de Santa Comba non escatima en chiscadelas nestas ligazóns nupciais, como sucedeu o pasado sábado na voda dos seus amigos Nerea e David, cando invitou o centenar de invitados a levantarse e entoar con el... «Que bo é o pan que ti nos dás», unha canción relixiosa da que cantou apenas un par de estrofas antes de aclarar ao sorprendido auditorio que era unha broma. Cerimonia relixiosa non, pero si levou a cabo nalgunhas ocasións o rito da area, no que os contraentes xuntan nun único recipiente dous cuncos de area que simbolizan as súas experiencias vitais; e tamén o rito celta dos lazos, coa parella coas súas mans unidas por fíos ou cordas.

A maioría das veces os noivos invítano a comer pero, nunha nova coincidencia con Doval, non queda máis aló dos petiscos. «Tamén é verdade que algunha xente só quere asinar. Pero eu un pequeno discurso sempre lles leo, e a todos lles dou como recordo un pin do Concello de Santa Comba». Amén.