A USC achega o coñecemento co primeiro Foro de Divulgación e Cultura Científica

S. G. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Jorge Mira, Elena Vázquez y Manuel Gago
Jorge Mira, Elena Vázquez e Manuel Gago LA VOZ

Jorge Mira, Elena Vázquez e Manuel Gago abren a primeira edición do certame, no que se dará a coñecer o fallo dos dous galardoes Divulgación Científica USC

05 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC) será o martes, 11 de novembro, ás 12 horas, unha fiestra aberta ao coñecemento. Farao da man da primeira edición do Foro de Divulgación e Cultura Científica da USC, que contará con tres relatores de luxo: o mediático investigador e profesor Jorge Mira; a matemática e catedrática de Xeometría e Topoloxía Elena Vázquez Abal; e o xornalista e docente Manuel Gago.

O Foro de Divulgación e Cultura Científica está organizado pola USC con financiamento do Convenio 25/26 de I+D+i coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración con La Voz de Galicia.

 Os tres relatores darán a súa visión sobre a importancia do coñecemento científico, que cada día cobra máis valor nun mundo infestado de contos e desinformación. Cada un de comunicadores presentará un relatorio duns 20 minutos, que moderará a xornalista de La Voz de Galicia María Meizoso. Ao termo do foro, cuxa entrada será libre ata completar capacidade e que se poderá seguir na canle de Youtube da Universidade, darase a coñecer o fallo dos primeiros premios á Divulgación Científica dá USC. Os galardóns destacarán a dous profesionais en momentos diametralmente opostos das súas carreiras: un recaerá sobre unha persoa de prestixio, cunha traxectoria sólida e que leve anos achegando a ciencia á sociedade. O segundo será para unha mozo promesa que aposte por novas canles e audiencias, aínda que mantendo o rigor e a calidade nos seus contidos. Cada un obterá 2.500 euros como apoio aos seus traballos.

«A nosa misión non pode limitarse unicamente á produción de ciencia, tamén debemos garantir que este coñecemento chegue á cidadanía dun xeito claro, accesible e comprensible», apuntan desde a USC, que considera que a divulgación permite levar os avances ao debate público, potenciando o pensamento crítico e «fomentando unha cidadanía informada capaz de participar na toma de decisións».

jorge mira

Archiconocido. Seguramente existan en España poucos catedráticos de Electromagnetismo coa mesma fama que a de Jorge Mira (Baio, 1968). O físico é unha das caras máis visibles da ciencia galega, tanto polo seu rol como profesor na USC como pola súa presenza nos medios de comunicación. Director do programa Conciencia, acumula múltiples premios polos seus esforzos para achegar a ciencia a todas as capas da sociedade.

elena vázquez

Matemática. Elena Vázquez Abal (Pontevedra, 1960) compaxinou ao longo da súa traxectoria o seu dominio das Matemáticas, disciplina da que é catedrática, coa transmisión de coñecemento. Só así pode explicarse o galardón que lle entregou o pasado ano a Real Academia Galega de Ciencias, que a agasallou co Premio RAGC de Divulgación Científica.

manuel gago

Difusión multicanle. O ecléctico Manuel Gago (Ribeira, 1976) foi un dos primeiros divulgadores que atopou na internet o seu terreo de xogo. Profesor na USC, compaxina ese rol cun papel fundamental para achegar o traballo do Consello da Cultura Galega. Destaca tamén a súa paixón pola gastronomía, a historia e a literatura. É autor de varias novelas.