Álex Barcello: «Os últimos partidos non foron os máis bonitos, pero gañamos»
SANTIAGO
Foi elixido o mellor xogador do Obradoiro no mes de outubro, por diante de Felipe dous Anjos e Leo Westermann
04 nov 2025 . Actualizado á 21:05 h.Álex Barcello, o primeiro MVP do curso no Obradoiro, destaca o cambio que mostrou o conxunto compostelán nas últimas xornadas, tras un arranque ligueiro con moitísimas dúbidas: «É certo que non empezamos ben a tempada, pero creo que agora temos un bo ritmo. Debemos seguir adiante porque todos sabemos o talento que temos no persoal». Ao mesmo tempo, sobre as actuacións máis recentes do colectivo obradoirista, que asinou tres vitorias consecutivas en cancha allea, o xogador destaca que «non foron os partidos máis bonitos, pero gañamos. Iso é o que importa. Creo que fomos gañando confianza aos poucos. Non só fronte ao Estudantes, senón tamén nas vitorias que logramos contra Melilla, Guipúscoa e Oviedo. Por suposto que gañar contra un equipo chamado a estar na parte alta da táboa, como foi o día do Estudantes, é unha gran noticia, é algo que o equipo necesitaba».
Os afeccionados elixiron a Álex Barcello como o mellor do mes no Obra, cun 37,1% dos votos. En segundo lugar quedou Felipe dous Anjos, cun 31,8%, e a terceira posición foi para Leo Westermann, cun 31,1%.