Senén Barro, experto en tecnoloxías intelixentes: «As máquinas deben facernos máis competentes, non menos»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Barro, nas portas do Citius, centro que dirixe
Barro, nas portas do Citius, centro que dirixe PACO RODRÍGUEZ

O director da Cátedra Camelia aposta por conectar IA e saúde para dotar aos profesionais de ferramentas que melloren a calidade de vida dos pacientes

18 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Senén Barro (As Pontes, 1962) dirixe a Cátedra Camelia, posta en marcha pola USC e a empresa Plexus para avanzar na medicina personalizada de precisión.

—Que rol protagonizan as máquinas intelixentes na saúde?

—Os avances xa son moi significativo, especialmente na imaxe médica e tamén en todos eses datos que son inmanexables para o humano. As máquinas si poden tratalos coa súa potencia de cálculo e algoritmos. Tamén teñen peso no deseño de fármacos, xa que os acelera. Outro campo é o da medicina personalizada, ata agora o máximo ao que nos podíamos achegar era a ter un médico que nos puidera dedicar uns minutos. As posibilidades tecnolóxicas permitiranos ir avanzado cara unha medicina onde o diagnóstico, a terapia e a prevención será case específica. Son avances significativos, aínda que non inmediatos, dentro de cinco anos quizais non sexa tan diferente á de hoxe en día, pero si haberá mellores ferramentas. Iso si, non vamos ter hospitais sen persoal de enfermería ou médicos.

—Que déficits tecnolóxicos ve nos sanitarios e estudantes?

—Paréceme incrible que os estudantes de Medicina saían sen ter nocións básicas de intelixencia artificial. Acábase de publicar un informe, feito por un facultativo de Galicia, que comprobaba que só catro facultades de España aportaba contidos relacionados coa IA. Iso é un disparate. Dentro da cátedra facemos investigación, asesoramento, divulgación e formación. Xa demos un curso introdutorio a 30 profesionais do Sergas. Foi unha formación pequena, dunhas 14 horas, para que coñeceran como funciona as ferramentas, como se deseñan, que características teñen...

—E que valoración sacan?

—Moi positiva. Dixéronos que foi demasiado curto, pero atractivo. Tódolos contidos que vamos construíndo colocarémolos a libre disposición na rede. Hai que ir facendo accións e axudar nesta transición, aínda que o que espero é unha reforma do sistema educativo.

—Por que motivo?

—O sistema educativo, en xeral, segue nunha docencia que podemos chamar maquinal, no sentido que parte da memorización, que é algo que xa fan moi ben as máquinas. Cultiva a acumulación de coñecemento, pero non de poñelo en práctica, nin de ter capacidade de pensamento ou de análise. A linguaxe é xenuinamente humana, falo tamén da creatividade de pensamento, do sentido común, do traballo cooperativo e de enfrontarte a problemas diversos. Iso será o último que proxectaremos nas máquinas intelixentes.

—Algunhas desas cousas xa as fai a intelixencia artificial.

—Si, pero se non adquirimos previamente esas habilidades e as solidificamos nos nenos e nenas, xa non as van adquirir porque as máquinas, de maneira cómoda, poderán resolver esas competencias. Esas persoas poden chegar ao extremo de ser incapaces. As máquinas deben facernos máis competentes, non menos.