
O festival pechou o cartel para a súa nova edición, que se celebrará desde o 24 ata o 28 deste mes
02 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Máis de trinta artistas conformarán o cartel da nova edición de Maré, que se celebrará en Santiago do 24 ao 28 deste mes. Felisa Segade, coa presentación dun proxecto novo deseñado para a ocasión, será a encargada de ofrecer o concerto inaugural na Sala Capitol xunto a Carabela. O peche, pola súa banda, correrá a cargo de Sol Band, unha banda palestina de folk?pop formada no 2012 na fronteira de Gaza. Estará acompañada nesa clausura dunha «Frotilha de artistas contra o xenocidio», avanzaron desde o festival ao dar a coñecer o cartel definitivo dunha cita onde o intercambio cultural é sinal de identidade, con artistas de Galicia, distintos puntos da Península, pero tamén chegados desde o outro lado do Atlántico, como Arxentina ou Guatemala, así como desde Níxer, A India ou Sudáfrica, entre outros.
O día 25 destacan os concertos de Gala i Ovidio, o novo proxecto de Aída Tarrío —unha das integrantes de Tanxugueiras— e Raül Refree, que se celebrará no Teatro Principal; e o do músico Kevin Johansen e o debuxante Liniers, que ofrecerán un «concerto ilustrado» ou un «debuxo que canta» na Capitol. Pola súa banda, o artista Pablo Und Destruktion recalará na Sala Riquela.
Xa o venres 26, será a quenda da guatemalteca Sara Curruchich, cantautora maia kaqchikel, nunha actividade de balde. A igrexa da Universidade, pola súa banda, acollerá nesa mesma xornada a proposta de Judit Neddermann (voz) e Pau Figueres (guitarra). Xa pola noite, ao Teatro Principal, chegará a mestura de música electrónica, tradición oral e poesía de Maestro Espada, de Murcia. Para rematar a xornada, na Capitol será a quenda de Bombino, guitarrista e cantante tuareg de Níxer.
O sábado 27, pola mañá, un dos referentes da tradición en Galicia, Davide Salvado, preestreará na Igrexa da Universidade «Permita Deus». Tamén será a quenda de Da Cruz, un proxecto liderado pola vocalista brasileira Mariana da Cruz e o produtor suízo Ane H. Pola súa banda, Germán Díaz, Benxamín Otero e a india Vidya Shah estrean o traballo «Outras trece cancións bonitas». No Teatro Principal, ofrecerá un concerto o sudafricano Bongeziwe Mabandla. En Riquela estará a arxentina Guada, que presentará «Algo familiar», nomeado recentemente aos Grammy Latinos. A programación tamén incluirá Tremenda Maré na Capitol, un espectáculo de impro con comedia, música con obxectos inusuais, irreverencia e humor. Xa o domingo, Quico Comesaña, membro fundador de Berrogüetto, presentará o primeiro disco en solitario, «Mãe», no Principal. Do cartel tamén formarán parte, Sumrrá, A Pedreira, Trinka, Ailá e a Banda de Santiago, entre outras formacións.
Por outra banda, o festival abriu onte a inscrición para aqueles que queiran participar cun posto no mercado que se celebrará o día 27 na praza de Mazarelos. Hai de prazo ata o día 18.