Xoán Xesús Carril: «As diferenzas que temos son mínimas, e afrontámolas con diálogo»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O rexedor de Arzúa, do BNG, di estar satisfeito da coalición cos independentes e co PSdeG

24 may 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Non ter perdido o costume de achegarse ata as feiras que se celebran o 8 e o 22 de cada mes no concello que goberna, e tampouco o hábito de ir xogar a partida de cartas mantén a Xoán Xesús Carril (Arzúa, 1955) á escoita dos problemas dos seus veciños. Para o traballo de despacho inherente ao cargo restoulle tempo á familia este xubilado de Naturgy que recuperou para o BNG —tres edís— a alcaldía de Arzúa. Un acordo de goberno cos independentes de Alternativa —outros tres concelleiros— e coa única representante do PSdeG mantén un mandato máis ao PP —e atrás quedaron cinco— na oposición municipal.

—En que mudou Arzúa nos dous últimos anos?

—A nivel municipal, mudou sobre todo no tocante ao contacto, á comunicación, coa veciñanza. Penso, ademais, que mellorou en conciliación, nos servizos do centro de información á muller, culturalmente, en deporte, e, basicamente, na resolución dos problemas que xorden día a día.

—Con que outros avais ten pensado concorrer o BNG ás municipais de 2027?

—Prioridades a nivel de inversión temos bastantes; e aínda que algunhas seguramente non queden resoltas, si me gustaría deixalas adiantadas para os próximos que veñan. Unha delas é a ampliación da traída de augas, cunha capacidade que se queda xusta pola afluencia no Camiño de Santiago. Outra é a mellora do saneamento nos núcleos rurais. Precisamos tamén unha ampliación do polígono, que se nos empeza a quedar pequeno. E tentaremos avanzar un pouco na construción de vivenda social. En Arzúa hai moita vivenda turística e non para xente que queira trasladarse a vivir aquí. Ademais, unha aposta persoal é a recuperación da área de ocio de Portodemouros; estamos dando pasos e estou esperanzado.

—O apoio dos seus socios de goberno á súa investidura foi in extremis. Quen claudicou?

—Nós trasladámoslles aos demais grupos que entendiamos que debiamos ter a alcaldía, e que para iso nos iamos postular. Sempre tiven a esperanza de ser alcalde, e penso que nos dous grupos que nos acompañan no goberno foron coherentes. Entendo que moita xente non o comprenda, e en política hai quen o ve un pouco estraño, pero os grupos progresistas tivemos case 800 votos máis co Partido Popular, co que é lexítimo que gobernemos.

—O BNG saíu reforzado dese acordo de goberno...

—Non se trata de saír reforzados, trátase de facer o mellor para o pobo, de traballar conxuntamente. Se cadra, indirectamente, o feito de ter unha alcaldía pois si que ten un plus porque tes máis contacto coa xente, pero tamén ten os seus contras, porque cando as cousas non saen como un espera, aínda que sexa doutra área, o último responsable sempre acaba sendo o alcalde.

—Que balance fai do tripartito?

—Cheguei a estar no goberno de Arzúa cunha maioría absoluta e moitas veces había debate, certas discrepancias. As que temos a día de hoxe no noso goberno son mínimas, afrontámolas con diálogo, e tratando de sacar as cousas da mellor forma posible. Estou contento de como está a funcionar o pacto.

—Por que lle retirou ao seu socio maioritario a competencia para organizar a Festa do Queixo?

—Era o cincuenta aniversario e quixen botar ás miñas costas calquera tipo de problema que puidera xurdir, e non cargar con esa responsabilidade a outros membros do goberno. Esa foi, única e exclusivamente, a razón. De todos modos, agradezo aos compañeiros de goberno a colaboración que prestaron en todo o que foi necesario.

—O PP acúsaos de politizar a xestión municipal

—Penso que o PP está moi lonxe de coñecer a realidade do noso concello. Nós, e é algo no que coincidimos plenamente os grupos de goberno, estamos a loitar polos dereitos que entendemos ten a veciñanza. Estou contento coa oposición que nos fan. Nos dous anos que levamos de goberno, non presentaron nin unha soa moción que faga referencia a Arzúa; todas son relativas ao Goberno Central. O problema de Arzúa parece ser que é quen está gobernando no Estado, e non é así.

—A autovía Lugo-Santiago vai ser unha oportunidade ou un lastre?

—Véxoa como unha oportunidade. En Arzúa, en contra do que sostén o PP, levamos dous anos subindo de poboación, debido moito á emigración, pero tamén a xente do concello que vivía en Santiago e se está achegando. O feito de rematala debera ser beneficioso para nós.