
Museo do Pobo Galego • Ata o 28 de setembro • O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou onte na inauguración da exposición «Cantareiras. Oralidade?Creación?Transmisión», impulsada polo Museo do Pobo Galego no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025. A mostra, que se pode visitar ata o 28 de setembro, salienta o papel das mulleres que, a través da súa voz, foron vehículo de transmisión da poesía popular oral galega ao longo das xeracións. No acto, o representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor «o protagonismo destas mulleres como creadoras e transmisoras dun dos piares fundamentais da nosa cultura inmaterial».
A exposición reúne fondos sonoros do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do propio museo, material gráfico e documental, así como pezas cedidas por particulares. O acto contou coa actuación das cantareiras Rosario e Carme das Marías.