Área Central énchese de minerais, fósiis, meteoritos e pezas de xoiería

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A exposición, que inclúe talleres, estará aberta no centro comercial ata este domingo

08 mar 2025 . Actualizado á 04:55 h.

Un ano máis, e van once, o centro comercial Área Central acolle a Feira de Minerais, que se prolongará ata mañá. Nos postos bríndase a posibilidade de achegarse ao mundo da xeoloxía e mineraloxía, e tamén de aprender da man de especialistas. Son máis de trinta expositores, chegados de toda España e de Portugal, nos que se pode admirar a beleza da natureza. Non faltan pezas de ámbar, amatistas, acibeche e cuarzo, entre outros minerais, así como diversas pezas de xoiería e pequenos meteoritos e fósiles.

En horario de 10.00 a 21.00 horas, a esquina vermella de Área Central está a recibir desde o xoves, cando abriu a feira, por centos de visitantes. Preto de 800 estudantes de primaria e secundaria, procedentes de toda Galicia, aproveitaron a exposición para asistir a clases prácticas de Ciencias da Natureza, Xeoloxía e Bioloxía, e para participar nos talleres impartidos pola empresa mineira Áridos do Mendo. O Grupo Mineralóxico Galego tamén acode á feira para impartir talleres de mineraloxía, fósiles e bateo de ouro. Así mesmo, a Escola de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo participa no evento, e dará nocións sobre como identificar os minerais. Este sábado pola tarde haberá unha mesa de intercambio de minerais aberta a particulares, e contarase con material didáctico e mostras de minerais do Museo de Historia Natural de Santiago, do Museo de Galicia, no Porriño, e do Geoparque do Courel.