Jordan Howard quedou moi lonxe da marca de Kassius Robertson no Obradoiro

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

O de Nova Jersey concluíu este curso cunha media de 14,06 puntos, polos 17,40 que o ano pasado asinou o escolta canadense de Toronto

28 may 2024 . Actualizado á 19:38 h.

Artem Pustovyi foi o xogador que máis puntos converteu neste campionato para o Obradoiro. O ucraíno xogou tres partidos máis que o escolta de Nova Jersey Jordan Howard, quen conseguiu unha mellor media de anotación: 14,06 para o escolta (436 puntos) e 13,47 para o pivote (458 puntos). Terceiro foi o canadense Thomas Scrubb (11,85 de media, con 403 puntos en 34 encontros).

O top5 completárono Tres Tinkle (9,26 de media, con 213 puntos en 23 citas) e Rigoberto Mendoza (8,55 de media, con 171 en 20 intervencións). Sexto foi o pivote Marek Blazevic (7,46 de media, con 239 en 32 partidos). Con todo, tres xogadores superaron estas porcentaxes, pero xogaron moi poucos encontros. Trátase de Devon Dotson (13,00, 117 puntos e 9 actuacións), Eric Washington (11,20, 56 e só 5 duelos) e Janis Timma (8,70, 87 e 10 choques).

Howard, con 63 de 195 triplos (32,3%), 69 canastras de 157 intentos (43,9%) e 109 de 130 tiros libres (83,8%), quedou moi lonxe da marca de anotación que estableceu o canadense Kassius Robertson nestas catorce campañas na ACB do Obradoiro. O rexistro estableceuno o escolta de Toronto a pasada tempada cunha media de 17,40 por xornada. Asinou un total de 435 en 25 partidos, moi por amais de Thomas Scrubb.

Robertson foi o anotador máis fiable do colectivo de Moncho Fernández nas tres tempadas que militou en Sar. Disputou 92 duelos como obradoirista. Na súa primeira experiencia en Santiago, na 2020-2021, o canadense superou os cincocentos puntos (501) nos 33 partidos que disputou, cunha media de 15,18 por xornada, por diante de Birutis e Enoch. Birutis e Thomas Scrubb foron os seus rivais no torneo 21-22, no que tamén foi o líder (14,56 de media, con 495 puntos en 34 envites).

A dous triplos do triplete

Alberto Corbacho foi en dúas ocasións o anotador principal do equipo, pero estivo moi preto de repetir por terceira vez no quinto campionato dos composteláns na ACB. Ao mallorquino faltoulle moi pouco para facer triplete. Despois de ser o máximo encestador do conxunto obradoirista nos cursos 12-13 e 13-14, só quedou a dous triplos de igualar a Waczynski na competición da 2014-2015. O polaco pechou o seu expediente cunha media de 12,47 (424 puntos en 34 intervencións) e o español concluíu a tempada con 12,29 (418 puntos en 34 enfrontamentos).

Dobrete de Vasileiadis

O grego Vasileiadis foi tamén dúas veces o mellor anotador. Encabezou a lista no campionato 2018-2019, con 432 puntos en 31 encontros, cunha media de 13,94. Con todo, na súa primeira etapa como obradoirista rexistrou un mellor coeficiente, aínda que non foi o que máis puntos asinou durante o curso da estrea do colectivo compostelán na liga Endesa. Acadou unha media de 16 puntos por sesión, cun total de 400 en 25 citas. O xogador que máis puntos converteu, aínda que con peor media que o grego, foi o americano Reyshawn Terry: 411 en 34 xornadas, cunha media de 12,08 por data.

Corbacho e Vasileiadis non foron os únicos que acabaron no máis alto do podio. Tamén o conseguiu Adam Waczynski nos exercicios 14-15 e 15-16. Na primeira destas dúas campañas superou a Corbacho por dous triplos. Na segundo avantaxou por un só punto (395 por 394) a Angelo Caloiaro, aínda que o californiano se vestiu de curto en sete encontros máis. Os seus dúas grandes tempadas na capital galega, tras 61 partidos, permitiron ao polaco facer as maletas para asinar cun dos grandes do baloncesto español, o Unicaja Málaga, no verán do 2016.

Os outros catro máximos anotadores do Obra nos catorce campionatos na ACB foron o pivote Deixan Kravic (2019-20), o americano de Illinois Matt Thomas (2017-18), o pivote de Míchigan Shayne Whittington (2916-17) e o pivote de Gabón Stephane Lasme (2011-12).

PUNTOS 2023-24

Xogador        Media (Puntos) Partidos

1. Jordan Howard 14,06 (436) 31

2. Artem Pustovyi 13,47 (458) 34

3. Thomas Scrubb 11,85 (403) 34

4. Tres Tinkle 9,26 (213) 23

5. Rigoberto Mendoza 8,55 (171) 20

6. Marek Blazevic 7,46 (239) 32

Tres xogadores superaron estas porcentaxes, pero xogaron moi poucos partidos. Trátase de Devon Dotson (13,00, 117 puntos, 9 duelos), Eric Washington (11,20, 56 puntos e 5 choques) e Janis Timma (8,70, 87, 10).

HISTÓRICO DE PUNTOS

Xogador               Puntos Partidos

1. Alberto Corbacho 1.785 164

2. Kassius Robertson 1.431 92

3. Artem Pustovyi 1.250 128

4. Thomas Scrubb 1.193 101

5. Kostas Vasileiadis 940 70

14 CURSOS EN ACB

Xogador      Media Puntos Partidos

23-24 Howard 14,06 31

22-23 Robertson 17,40 25

21-22 Robertson 14,56 34

20-21 Robertson 15,18 33

19-20 Kravic 13,17 23

18-19 Vasileiadis 13,94 31

17-18 Matt Thomas 15,43 30

16-17 Whittington 11,71 31

15-16 Waczynski 14,63 27

14-15 Waczynski 12,47 34

13-14 Corbacho 12,26 34

12-13 Corbacho 13,14 36

11-12 Lasme 10,91 34

09-10 Vasileiadis 16,00 25