O Santiago (é) tapas encara a súa segunda fin de semana con máis de 6.000 tapas consumidas

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A cita compostelá coa gastronomía en miniatura mantense ata o 3 de marzo

23 feb 2024 . Actualizado á 14:48 h.

O concurso de tapas que organiza Turismo de Santiago en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela e que pon ao dispor de turistas e composteláns a posibilidade de probar ata 61 ofertas culinarias en miniatura distintas en corenta locais serviu xa máis de seis mil tapas na súa primeira semana. Unha cifra importante, segundo o Concello, para un concurso que arrincou o pasado día 15 e que aínda encara estes días a súa segunda fin de semana.

O Santiago (é) tapas concluíu o pasado ano con 24.000 racións servidas, aínda que o consumo máis forte adoita localizarse na última semana, con especial incidencia da fin de semana de despedida. Neste caso, será o do 2 e 3 de marzo. Ata o de agora víñase celebrando en novembro, aínda que o Concello e a asociación do sector, a pedimento desta, decidiron nesta ocasión pasalo para febreiro, ao entender que con esta data contribuiríase máis á desestacionalización do turismo.

Entre esa oferta culinaria en miniatura, o público ten 32 petiscos para degustar a cociña tradicional e outras 29 propostas máis creativas. A finalización das etapas definidas no Tapasporte ten premios directos, ata esgotar existencias. Hai ata 200, esencialmente en produtos con certificado de calidade. E haberá sorteos para outros, como aloxamentos hoteleiros, bonos para festivais e espectáculos, para incentivar a participación do público.