Trinta locais hostaleiros composteláns repartirán caldo de gloria este venres para celebrar o Día de Rosalía

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Haberá recitado de poemas na praza de Vigo e o acto máis institucional no Hostal dos Reis Católicos

21 feb 2024 . Actualizado á 04:55 h.

Santiago será, xunto a Padrón, o epicentro das actividades para conmemorar o 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro este venres. A programación na capital galega comezará ás 11 horas na praza de Vigo co recitado de poemas por parte de alumnado dos colexios Quiroga Palacios e Cluny. Despois, chegará o acto máis institucional, no Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada. Haberá lectura de poemas rosalianos por parte das autoridades e a actuación de Os Carapaus, a cantante Faia e alumnado da Escola de Música de Santiago.

Por outra banda, a Fundación Rosalía chama a celebrar o aniversario da autora lendo a súa obra, comendo un caldo de gloria e participando na Alborada para Rosalía. No caso de Santiago, ofrecerán caldo de gloria trece colexios e trinta locais de hostalería, neste último caso, grazas á colaboración da Asociación de Hostelería de Compostela e Hostalería.gal. A orixe está nun poema no que a poeta explica como facer un caldo humilde.