Sara Santos, presidenta de Hostalería Compostela: «É triste que, por algo alleo a nós, a asociación poida desaparecer»

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

«Volvo nun momento duro e con moitas frontes abertas», afirma

29 oct 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Sara Santos asumiu novamente a presidencia da Asociación Hostalería Compostela e Thor Rodríguez pasa á vicepresidencia. Detrás do cambio, Santos deixa claro que «se segue a folla de ruta que marcan os estatutos da asociación, que aprobamos en asemblea. Tras dous anos de restauración, con Thor; agora son dous anos do representante dos hoteis».

—Empeza cun comunicado contra o Concello, que é o máis duro que se lembra.

—Vaia por diante que me gusta a paz e o entendemento. Hai cousas que se poden falar con calma e arranxar, pero outras acadan un nivel tan elevado que hai que tomar medidas. Tres asociacións están unidas nisto. Afecta a moitos socios, que están moi afectados.

—Confía en que a reunión do día 2 achegue solucións?

—Asistirá o xerente, que leva este asunto. Nós temos as cousas claras. O problema vén de lonxe. Calquera cousa vale para pechar un local. Queixámonos da falta de dilixencia.

—Hai que cumprir as normas?

—Si, pero non pechar porque si. Abren expedientes sobre outro que non está rematado. Pechan en 24 horas, e non resolven ata oito ou nove meses despois. Pides unha licenza para terrazas en febreiro e concédena en outubro, cando xa non podes usala. Aí está o caso dun local que, tendo a resolución favorable, abandona porque teme que o volvan a pechar por calquera cousa. Medicións de ruídos de días nos que o local está pechado; iso provocou un peche que non se resolverá en meses.

—Hai moito enfado?

—A Urbanismo dálle todo igual. Non hai unha compensación. Se van ao xulgado para pedir danos, tardan anos. Non é soportable.

—Na súa anterior presidencia tivo que lidar cun grave problema económico, agora volve cando está próxima a resolución. Que pode pasar?

—Certo. Hai dúas cuestións. Na vía penal temos máis posibilidades, porque hai unhas persoas que xa asumiron que foron eles os culpables. Chegaron a un acordo, e pagarán. O lóxico é que a asociación quede libre de pagar, pero o tema da subvención da Deputación para a cociña é un asunto que nos preocupa. Falamos de 1.200.00 euros, 250.000 é o capital principal, e o resto, multa e intereses.

—Se o contencioso é desfavorable, cal é o futuro lla asociación?

Entraría en concursal. Que quede claro, que a cociña se fixo. Foi un problema de datas nas facturas, cobrouse e pagouse.

—Que sentimentos lle xera esta situación?

—Tristeza. Temos unha xunta directiva que traballa para buscar solucións aos problemas reais que preocupan ao sector. É triste que, por algo que é alleo a nós, por algo que fixeron outros, todo isto acábese. O noso labor é impecable. Traballouse moito polos socios, e seguiremos ata que sexa posible.

—Cales son eses asuntos reais que lle traen de cabeza?

—Hai tantos frontes abertas...

—Empezamos por unha valoración dos datos turísticos?

—Xullo foi frouxo, pero en agosto houbo moito movemento aínda que con noitadas baixas. A media de estancia foi dun día. A restauración quéixase de reservas pantasmas; e todos, do problema dos taxis.

—Que ideas achegan para isto?

—Agradecemos que se nos escoite, pero aumentar o horario non serve de nada. Non hai taxis. É necesario aumentar licenzas.

—Taxis de fóra de Santiago?

—Unha opción. Queremos servizo. Non afecta só os turistas, tamén aos veciños.

—Que postura manterán en relación á taxa turística?

—En principio, non estamos de acordo. Ténsenos que explicar ben, hai que ver a viabilidade. Non digo que non se cambie de idea, pero queremos que a xente pernoite máis días e cobrámoslles por quedarse. A cambio, non lles damos servizos. Nin taxis nin autobús ao aeroporto. Neste momento, a taxa é imposible.

—Como afronta a perda de conexións no aeroporto?

—O de sempre. Tres aeroportos con malas conexións, e a conclusión é que a xente vén e vaise polo Porto. Hai que ter moitas ganas para vir a Santiago. Os turistas internacionais veñen vía Porto, Madrid ou Barcelona. Vémolo nos cartóns de embarque que se sacan no hotel. Fan unha peregrinación aérea para chegar a Santiago.

«O centro histórico é todo fachada, por dentro está todo podrido. As políticas botaron á xente»

Aínda que a presidenta de Hostalería recoñece que a ocupación de agosto foi alta, apunta que as estancias foron dun día. «Ás familias víuselles pouco nos hoteis», indica.

—As vivendas de uso turístico levan o turismo familiar?

—É posible. Non teño nada contra elas, sempre que teñan as mesmas obrigacións que os hoteis. Son hospedaxe pura e dura. É posible que as familias e os grupos de amigos prefiran o modelo das VUT. Non rexeito ningún tipo de hospedaxe, pero que as condicións sexan as mesmas para todos.

—Ningúns as acusan de agravar a perda de poboación?

—Non se pode culpar aos hostaleiros da perda de poboación. O centro histórico é unha marabilla, pero carece de servizos. Non é de agora, levan anos botando aos veciños. As políticas non favorecen vivir aquí. Non se inviste no centro histórico. Non se arranxa o problema de inundacións, pedir unha licenza para pintar o teito na Rúa do Vilar supón meses. É unha fachada, lávase a cara, pero por dentro está todo podrido, en ruína. A quen favorece o sistema de recollida de lixo? Aos veciños, non.

—Nos locais que quedan baleiros só abren restauración ou tendas de recordos.

—E a culpa é de quen abre un negocio... Se hai bares é porque dá diñeiro, se non hai bancos, tendas de alimentación e roupa, se se vai o quiosco e case non hai estancos, será que non dan diñeiro. Non se pode culpar ao sector de que se baleire o casco, a xente vaise porque non hai servizos e porque pedir unha licenza de rehabilitación é eterno, e hai problemas para pór un ascensor, para arranxar fiestras. A xente vaise por aburrimento. Habería que flexibilizar a norma para salvar edificios, como é o caso do Yago.