Os nenos de Castrelo de Miño xa teñen un máster en reciclaxe

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Alumnos de Castrelo de Miño durante la actividad desarrollada por Sogama
Alumnos de Castrelo de Miño durante a actividade desenvolvida por Sogama

Sogama organiza talleres en colexios do Ribeiro, O Carballiño, Ourense, Muíños, Viana do Bolo e Vilar de Barrio para evitar os erros máis comúns na separación dos residuos domésticos

15 may 2024 . Actualizado á 19:03 h.

O próximo 17 de maio celébrase o Día Mundial da Reciclaxe e na Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) puxeron en marcha con este motivo unha nova campaña para formar a nenos e mozos na recollida selectiva de residuos. A iniciativa, que arrincou o día 13, chegou xa ao colexio de Castrelo de Miño, un dos centros educativos de Galicia que participan na experiencia. Aínda que os escolares adoita ser un colectivo moi proactivo e implicado na xestión sostible dos residuos, desde Sogama decidiron organizar estas xornadas para clarificar conceptos xa que, segundo explican, aínda persisten dúbidas ao redor da correcta separación de todos eses materiais que se refugan, especialmente en relación ao contedor amarelo. Concibido para acoller envases e envoltorios de plástico, latas e briks, a miúdo introdúcense erroneamente plásticos que non proceden de envases. Outra das aclaracións nas que se incide nesta acción formativa ten que ver co contedor azul. Advírteselles que o papel e cartón debe ir limpo, sen restos de graxa e libre de elementos accesorios tales como as espirais metálicas dos cadernos, as grampas, as argolas e similares. Tamén o iglú verde xera dúbidas e en ocasións introdúcense as botellas, frascos e tarros de vidro con tapas e tapóns, o cal tamén é un erro. Os pequenos mostraron curiosidade ademais polo contedor marrón, novidade en moitos concellos, e destinado só á materia orgánica, que debe ir sempre introducida en bolsas compostables. Desde Sogama explícaselles que dispoñen de catro plantas de biorresiduos para estes restos orgánicos (en Verín, Cervo, Cerceda e Vilanova de Arousa) e que alí ese lixo convértense en compost, un abono natural que se utiliza para fertilizar chans tanto destinados a xardinería como a agricultura. Ademais do de Castrelo de Miño, este ano participan na iniciativa colexios de Ourense, O Carballiño, Muíños, Viana do Bolo e Vilar de Barrio