Amplo despregamento de medios na Veiga para auxiliar a un home que case perde un pé cando usaba unha rozadora
A VEIGA

Os primeiros sanitarios en chegar ao lugar fixéronlle un torniquete ao ferido. Un coche da Garda Civil escoltou á ambulancia medicalizada ata o hospital do Barco
20 jul 2025 . Actualizado á 12:13 h.Ao redor das oito da tarde do sábado 19 de xullo a central de comunicacións do 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando da delicada situación dun familiar seu que resultara ferido cando manexaba un rozadora nun domicilio da localidade de Candeda, no municipio da Veiga.
Segundo explicou o interlocutor no seu aviso, o ferido presentaba unha importante perda de sangue e risco de amputación dun membro inferior. A situación xerou grande alarma entre os seus achegados, pero tamén provocou unha rápida e eficaz resposta por parte dos medios de salvamento.
Os primeiros en chegar ao lugar foron os sanitarios da Veiga, a bordo dunha ambulancia. Ao ver a delicada situación na que se atopaba o ferido, un septuaxenario, fixéronlle un torniquete para intentar frear a hemorraxia. Enseguida chegaron os traballadores do GES do municipio e unha patrulla da Garda Civil. Barallouse o seu traslado xa nese momento ao hospital de referencia, pero ante a delicada situación na que se atopaba decidiuse agardar á ambulancia medicalizada, que non tardou en acudir. Estabilizaron ao home e acordaron entón o seu traslado urxente ao hospital do Barco, situado a 18 quilómetros. A patrulla da Garda Civil, coas sirenas e as luces acesas, escoltou ao vehículo sanitario ata o centro médico. O ferido ingresou enseguida no quirófano, onde se someteu a unha longa intervención para reconstruírlle o pé. Este domingo permanece ingresado, en situación estable.
Ao lugar dos feitos acudiu, Vicente Lameiro, tenente de alcalde da Veiga, que valorou moi positivamente o eficaz despregamento de medios que se puxo en marcha para atender a emerxencia. Explicou que a vítima, que entre semana non reside no municipio, estivo a rozar unha leira o sábado pola tarde. Cando estaba a punto rematar produciuse o grave accidente.