Un espello no que se reflicte Galicia

Fernando Salgado
Fernando Salgado A QUILLA

OPINIÓN

Fernando González Laxe, acompañado de Fernando Salgado, Javier Suárez Vence y Fernando Martínez González, en una imagen de 1989
Fernando González Laxe, acompañado de Fernando Salgado, Javier Suárez Vence e Fernando Martínez González, nunha imaxe de 1989 TINO VIZ

25 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Fernando González Laxe é un espello no que se recoñecen os valores que definen a Galicia. Iso dixo Pérez Touriño do novo premio Fernández Latorre. A imaxe do espello lembroume que, hai anos, o profesor González Laxe titulou (G)alicia no país das marabillas un dos seus artigos: o slogan ofrecíallo gratuitamente á Xunta de Fraga, empeñada en vender os seus logros mediante a propaganda. Outra vez rebuldou o expresidente co vocabulario de Lewis Carroll para presentarnos como «o país do mar e as vilas». O sentido do humor é un daqueles valores galegos que reflicte o seu espello. Siro e Xaquín Marín, amigos seus e meus, non me deixarán mentir.

O compás que manexa González Laxe sempre sinala o mesmo punto: Galicia. O seu gran compromiso. As dúas facetas da súa personalidade, a do economista e a do político, a do profesor que debuxa a carta náutica e a do capitán que traza o rumbo e executa a navegación, converxen sempre nese punto: Galicia. Galicia como materia troncal de estudo e Galicia como tarefa. Dúas datas subliñadas no seu caderno de bitácora ilustran esa dobre traxectoria.

O capitán asumiu o temón o 29 de setembro de 1987. Tiña 35 anos e experiencia prematura na xestión. Formase parte do equipo negociador do acordo pesqueiro coa Comunidade Europea. O mar como paixón e o mar como profesión. O economista do salitre gobernou a nave da autonomía durante menos de mil días. Pouco máis de dous anos e dous presupostos para acometer a transformación de Galicia. Quen nos embarco ás súas ordes reivindicamos con orgullo aquela fecunda marea. O legado do Goberno Laxe, cultivado en tan pouco tempo, impresiona. A aprobación do Plan Rexional de Desenvolvemento, que incluía as autovías á Meseta. As universidades de Vigo e A Coruña. A creación do Sergas para acoller a inminente transferencia de Sanidade. A Fundación Galicia-Europa. A regulación dos montes comunais. Os palacios de congresos de Santiago e A Coruña. O parque tecnolóxico de Ourense. A fundación da EGAP. Plástico resumo de González Laxe: «Dous anos deron para moitas cousas. Se estivésemos seis, Galicia sería hoxe California». Non puido ser. Os socialistas galegos acadaron en 1989 o seu teito histórico: 28 deputados, pero a Laxe faltáronlle mil votos —ou sobráronlle sacas estrañas procedentes de alén mar— para alimentar as caldeiras do buque.

O profesor impartiu a súa última clase maxistral o 10 de maio do 2023. Concluía un maratón de case medio século —hiatos políticos polo medio— de maxisterio universitario. Xubilación só formal, porque Laxe segue esparexendo sabedoría. Sempre baixo a consigna do «Atrévete a pensar!», o sapere aude kantiano, á vez autoexigencia e provocadora incitación. Optimista gramsciano, sostén Laxe que o mellor agarda no por-vir. Ser humano entrañable, hai tempo que Laxe, atleta destacado na súa mocidade, acadou a meta vital que se propuxo: o cariño da xente e o cariño á xente. O Premio Fernández Latorre corrobórao. Reciban Fernando e Rosa, acredora de non menos da metade do galardón, o abrazo alborozado da mariñeiría.