Audi Q3 SUV: híbrido e «premium»

MOTOR ON

Con 272 cabalos entre o motor de gasolina e o eléctrico, o novo Audi Q3 é áxil e supera os cen quilómetros de autonomía sen emisións. É un SUV confortable e con bos acabados.

03 mar 2026 . Actualizado á 13:23 h.

A terceira xeración do Audi Q3, modelo lanzado hai quince anos, chega de novo en dúas versións de carrocería, Sportback —cunha caída do teito máis pronunciada— e SUV, que é a que puidemos probar durante varios días. Trátase dun todocamiño de 4,53 metros cunha silueta bastante musculosa, tanto pola súa poderosa grella frontal como polos encartes nos laterais, xunto a unha liña dos portelos bastante alta. Fronte á xeración anterior (2019) destaca o redeseño dos grupos ópticos, máis estreitos tanto os faros como os pilotos traseiros, e sobre todo a tira led que percorre todo o portón, ademais do emblema dos catro aros iluminado en vermello.

Tamén é notable o cambio do interior, cun cadro de mandos no que comparten unha mesma superficie a pantalla multifunción (12,8 polgadas) e o cadro de instrumentos, aínda que o panel dixital deste último ten a metade de altura e uns gráficos bastante discretos. É singular o volante, de forma hexagonal, e tamén o mando dos intermitentes: no canto dunha balea que sobresae da columna de dirección, como é habitual, ocupa unha peza rectangular situada por detrás do volante e que no outro extremo integra o selector de marcha. O que pasa é que no caso dos intermitentes inclúe tamén os mandos do limpaparabrisas dianteiro e da luneta traseira, ademais dunha ruleta para graduar a súa velocidade, polo que esixe un período de aprendizaxe para non equivocarnos cada vez que imos indicar un xiro.

Os acabados son os que agardan dunha marca premium como a alemá: ambiente minimalista, molduras ben axustadas, combinación de materiais —incluíndo microfibra no revestimento das portas e unha ancha peza de aluminio no cadro de mandos— e detalles de iluminación sutís, non como eses coches modernos que parecen unha sala de festas. A tapicería dos asentos é de pel sintética.

O Q3 está dispoñible con motores gasolina e diésel de 150 cabalos; gasolina con tracción total quattro de 204 ou 265 CV; e un novo híbrido enchufable que combina un motor de gasolina de 177 CV (turboalimentado) e outro eléctrico que achega 116. Xuntos dan unha potencia total de 272 cabalos, que moven con axilidade este vehículo de 1.900 quilos. Pasa de 0 a 100 en 6,8 segundos e cun son bonito cando pisamos a fondo o acelerador. Logo, en condicións normais apenas escoitamos o motor, polo que é moi silencioso e confortable. A suspensión filtra ben fochancas, badenes e irregularidades, pero non é branda en absoluto. Iso nótase á entrada da curva, porque fai o cambio de apoio moi ben e o coche vira practicamente plano.

A batería de almacenamento eléctrico vai situada no maleteiro e é a culpable de que o espazo de carga reducísese nesta versión de 488 litros a 375. No entanto, se as prazas traseiras non están ocupadas, podemos amplialo deslizando cara adiante os asentos, que van sobre raís. Baixo o piso hai un oco para deixar os cables de carga.

Con esta batería de 25 kWh Audi declara unha autonomía eléctrica de 119 quilómetros, aínda que en condicións de homologación; na práctica disporemos duns 90. A potencia de recarga máxima en corrente continua é de 50 kW.

Este híbrido consegue consumos moi baixos tanto en cidade como na estrada e está dispoñible a partir de 56.000 euros.