Audi Q3: renovar un éxito

Por Juan Ares

MOTOR ON

-

O Audi Q3, incluída a súa carrocería Sportback, converteuse no modelo superventas da marca en España, con máis de 11.000 unidades matriculadas no 2024. Agora chega a súa terceira xeración, con importantes novidades e un prezo desde 46.620 euros.

16 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

E ste novo Q3 crece tres centímetros en lonxitude, ata os 4,53 metros, e amplía o seu maleteiro ata os 488 litros, aínda que o que modifica fundamentalmente é o seu deseño, en base a unha grella máis elevada, uns faros afiados e personalizables e unha carrocería máis musculosa.

Ademais, o SUV e o Sportback diferéncianse pola caída traseira do teito do cupé, que é 29 milímetros máis baixo. Por detrás cambiou fundamentalmente a súa liña de luces, agora cunha banda vermella de lado a lado e o logotipo dos catro aros iluminado.

No interior os cambios tamén son ostensibles, incorporando unha gran pantalla dobre: un panel de 11,9 polgadas para o cadro de instrumentos e outro táctil, de 12,9 polgadas, na parte central, con nova unidade de control.

Outra das bazas desta terceira xeración do Q3 é a súa oferta de motorizacións, que agora xa inclúe motores e-hybrid, híbridos enchufables, de 200 kW (272 cabalos), con autonomía eléctrica de ata 119 quilómetros, contando cun depósito de combustible para o motor de gasolina 1.5 Turbo de 45 litros, o que aumenta a autonomía total. Á marxe desta novidade, o Q3 seguirá dispondo dos seus proverbiais motores de gasolina TFSI de 150 cabalos e os máis potentes TFSI de 204 e 265 cabalos para as versións de tracción quattro. Pero incluso os nostálxicos do diésel, entre os que me sigo contando, poderán gozar dunha versión TDI de 150 cabalos. A oferta comercial articúlase con estes motores e tres acabados, Advance, S-Line e Black Line, e os seus prezos parten dos 46.620 euros para as versións básicas de gasolina e diéseis e de 56.120 para o e-hybrid con etiqueta cero. En Audi cren que a versión Sportback acaparará o 70% das vendas deste Q3.