
A venda dun MC12 Stradale do 2005, con motor V12 de 630 CV e do que só se fabricaron medio centenar de unidades, mostra o crecente interese polos superdeportivos como investimento.
01 sep 2025 . Actualizado á 19:41 h.Un Maserati MC12 Stradale do 2005 foi vendido por unha cifra marca de 5,2 millóns de dólares na poxa do Broad Arrow's Monterey Jet Center (California), celebrada o pasado 13 de agosto. Con só 50 unidades producidas, o MC12 Stradale é un compendio do rendemento extremo, a excelencia en enxeñería e a visión audaz que sempre distinguiu á marca do tridente. Equipado cun motor V12 cunha cilindrada de 5.988 cc e unha potencia de 630 CV a 7.500 rpm, esta unidade distínguese pola súa exclusiva cor de carrocería branco con detalles en azul, en homenaxe ao Maserati Birdcage Tipo 61 producido entre 1959 e 1961.
O resultado da poxa non só supera a marca anterior do modelo nun 37%, senón que tamén converte a este automóbil no Maserati moderno máis caro xamais vendido. O MC12 Stradale naceu como unha versión homologada para circular por estrada do MC12 GT1, protagonista absoluto da competición FIA GT entre o 2004 e o 2010, con catorce títulos e 22 vitorias, incluíndo dúas copas de construtores, cinco campionatos de pilotos e seis por Equipos, así como tres éxitos nas 24 Horas de Spa.
O resultado da poxa reflicte non só o valor de colección do modelo, senón tamén o crecente interese polos superdeportivos que lograron combinar o patrimonio deportivo, a rareza e a innovación técnica.