
A Tracer 9 GT+ reforza o seu liderado no segmento sport touring co cambio automatizado de Yamaha, os novos faros Matrix LED, control de cruceiro e cúpula eléctrica.
18 jun 2025 . Actualizado á 14:37 h.Diciamos hai un ano nestas mesmas páxinas que a Yamaha Tracer 9 GT+ era a moto total. A evolución deste modelo desde os seus inicios como Tracer 900 (lanzada no 2015) foi meteórica, pero, quizá para celebrar a súa década de vida, o fabricante nipón decidiu pór toda a carne no asador e dotala da maior tecnoloxía que se pode gozar actualmente sobre dúas rodas. O motor tricilíndrico —o mesmo que probamos na MT-09 no ON do mes de abril— segue rendendo 119 CV e move con solvencia a Tracer, que pesa 232 quilos incluíndo os 19 litros de combustible. Manéxase xenial nas zonas reviradas, obviamente non cae e levanta tan rápido como unha deportiva que pesa 40 quilos menos, pero ten un apromo que fai manter a trazada sen o máis mínimo titubeo, parece como que levásemos un imán xigante que nos pega ao asfalto. Incluso ao frear en plena curva, para facer unha corrección, a nobreza e seguridade desta moto chaman a atención. As suspensións electrónicas semiactivas varía a amortiguación en función da carga e o estado do asfalto, contribuíndo a unha comodidade de marcha idónea para longos traxectos.
Se coa MT-09 descubrimos o cambio E-AMT, que cualificamos de «adictivo», agora reafirmámonos en que é unha das maiores xenialidades desenvolvidas polos enxeñeiros de Yamaha. Ségueme descolocando non atopar pedal de cambio de marcha nin maneta de embrague —de feito, nos primeiros momentos teño o acto reflexo de abrir o puño esquerdo para apertala—, pero non me queda máis remedio que renderme. Poder xogar cun modo manual, no que os cambios se efectúan mediante dous pulsadores, e outro automático, no que a moto sobe e baixa de marcha ela soa (perfecto para o tráfico urbano), é unha gozada. Funciona suave e rápido, pero non é como o CVT lineal dun escúter, sentimos como engrana ou reduce cada relación e iso dános un feeling de cambio tradicional, pero mellorado. En manual dispomos ademais de cinco programas de condución (Street, Rain, Sport e dúas configurables polo usuario, que pode variar a entrega de potencia e a intervención das axudas electrónicas), mentres que en automático hai dous (D e D+).
Outra novidade é a cúpula regulable eléctricamente, aínda que esixe buscar primeiro nun menú de pantalla antes de subila ou baixala (10 centímetros de percorrido) cun joystick. A tecnoloxía Smart Key permite non só arrincar a moto sen chave, tamén bloquea e desbloquea as maletas ríxidas (de serie e cunha capacidade de 30 litros cada unha) e o top case opcional. O control de presión de pneumáticos e os puños calefactables tamén veñen incluídos, do mesmo xeito que o control de cruceiro adaptativo (grazas a un radar mantén a distancia co vehículo precedente) e o detector de ángulo morto, que se mostra nos retrovisores como nos coches. Cun prezo de 19.599 euros e dispoñible en cores Cobalt Blue ou Icon Performance (lamias en azul), a Tracer 9 GT+ é impresionante.
O E-AMT permite variar entre cambio manual, sen panca nin embrague, e outro automático