Jeep, unha marca con moita historia

Por J. A.

MOTOR ON

-

Agora que se fala en Europa de investimentos en gasto militar non vén mal lembrar a Jeep, cuxos inicios foron precisamente en vehículos para este uso en conflitos bélicos.

16 mar 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Jeep Willis foi un dos protagonistas da Segunda Guerra Mundial e nos campos de batalla gañou unha sólida reputación de coche fiable e para todo uso. Rematada a contenda, en 1945 lanzouse unha versión civil que no seu país de orixe tivo un grande éxito, sobre todo no ámbito rural de gandeiros e agricultores. En realidade aí naceron os coches todo terreo como se coñecían ata hai pouco e que agora chamamos SUV. O Jeep Wrangler foi o primeiro.

Jeep soubo aproveitar o tirón daquel vehículo e lanzou con esta mesma filosofía vehículos máis luxosos e sofisticados como os Wagoneer e Grand Cherokee.

A historia americana transcendeu a outros continentes, pero sempre cunha gama reducida e que ía evolucionando e mellorando paulatinamente.

Agora, xa situada dentro do grupo Stellantis, Jeep vive unha nova historia mentres celebra os seus 80 anos de vida.

Para celebralo está a lanzar unha serie conmemorativa 80th Anniversary que en España encarnarase en tres modelos, o Renegade, o Compass e o mítico Wrangler.

No Renegade, o seu modelo máis pequeno que xa está á venda, esta versión destácase cun emblema que locen na súa carrocería, con asentos de tea con deseños de rombos e tamén en coiro. Nestes elementos tamén loce o logo, pero ademais incorporáronselle pantallas táctiles de 8,4 e 10 polgadas, radio dixital, navegador con integración do teléfono e un pack Full LED de luces.

Para acompañar estas versións realizaranse accións especiais de comunicación e eventos específicos.