
Unha mostra divulgativa será acompañada dunha función da compañía Os Quinquilláns
01 oct 2025 . Actualizado á 17:29 h.A Casa de Cultura de Quiroga acollerá durante a primeira quincena deste mes a exposición «Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza 1934-1944», organizada con motivo do 75 aniversario do célebre político, escritor e artista. A mostra será inaugurada ás 12.30 horas deste venres e poderá visitarse ata o día 15. O acto de apertura comprenderá unha visita teatralizada a cargo da compañía Os Quinquilláns.
Este grupo tamén representará ese día —a partir das 13.00 horas— a peza Cousas, baseada no libro de Castelao do mesmo título. A función ofrecerase no salón de actos da Casa de Cultura. A entrada será gratuíta. Os alumnos do instituto de ensino medio de Quiroga asistirán á representación, que tamén estará aberta a todas as persoas interesadas.
A exposición está organizada polas concellerías de Cultura e Normalización Lingüística co apoio da ára de Cultura da Vicepresidencia da Deputación lucense. A mostra, sinalan os organizadores, «é un proxecto divulgativo que mostra unha descrición cronolóxica dos textos de Castelao en relación coa súa actividade política desde 1934, cando asina os primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944, cando se publica a primeira edición de Sempre en Galiza e se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi o primeiro presidente». A exposición, agregan, exhibe materiais documentais en oito paneis «que resumen o contido da obra máis senlleira do pensamento político de Castelao».