O partido entre o Lemos e o Celanova xoga o domingo ás doce do mediodía
MONFORTE DE LEMOS
O partido correspondente á xornada número 14 da liga do grupo segundo da Preferente que enfrontará ao Club Lemos e ao Sporting Celanova disputarase este domingo ás doce do mediodía no campo municipal da Pinguela.
O principal problema co que se atopará Edu Rodríguez de novo son as numerosas ausencias coas que contará. E é que ás baixas de longa duración de Aissa O Jamai, Dani Delgado, Adri Díaz, Lamús e Iker Calleja, únense as de Nacho Rivero e Brais Pardo. O central cumprirá sanción por acumulación de amoestacións, mentres que o extremo foi expulsado no partido da pasada xornada ante o Beluso.
Postos de descenso
O Sporting Celanova chega o domingo a Monforte en postos de descenso. O equipo ourensán é antepenúltimo na táboa clasificatoria do grupo segundo da Preferente. Suma 12 puntos, dez menos que os que acumula o conxunto que prepara Edu Rodríguez.
Os ourensáns só foron capaces de gañar tres partidos nas trece xornadas disputadas. Empataron outros tantos e encaixaron sete derrotas. Marcaron neste primeiro terzo do campionato trece goles e recibiron dezaoito.
No entanto, estes números non supoñen unha garantía para o Lemos, que non se fía, e máis coas baixas que ten.