Desaloxan o albergue de Vos Peares por un incendio forestal en Carballedo

CARBALLEDO

Debido á proximidade do lume á aldea de Oleiros elevouse o nivel 2 de emerxencia, que se desactivou este venres ás tres da tarde
22 ago 2025 . Actualizado á 16:21 h.Un incendio forestal que se orixinou este xoves pola tarde no municipio de Carballedo obrigou a desaloxar de forma preventiva o albergue de Vos Peares. Segundo informou a Consellería do Medio Rural, as persoas que se atopaban no centro —53 nenos e 11 monitores— foron trasladadas ao albergue xuvenil Lug2, na capital da provincia.
O incendio, que permanece activo na mañá deste venres, orixinouse ao redor das 18.14 horas do xoves nas proximidades da localidade de Oleiros, na parroquia da Cova, situada por amais da presa do encoro de Vos Peares. Debido á proximidade do lume a este núcleo activouse a denominada situación 2 como medida preventiva de emerxencia, e ás tres da tarde do venres a Xunta dábaa por desactivada. O lume tamén obrigou a cortar o tráfico na estrada LU-P-1801 entre as localidades de Arxemil e Soutelo.
Doutra banda, de acordo coas últimas estimacións, o incendio afecta a unha superficie de preto de 50 hectáreas. Nas tarefas de extinción participaron ata o de agora dous técnicos forestais, tres axentes, sete brigadas, oito motobombas, dúas pas escavadoras, catro helicópteros e tres avións.
Segundo explica o alcalde de Carballedo, Julio Yebra, aínda que se activou o nivel de emerxencia 2, non se considerou necesario evacuar aos veciños de Oleiros. «Non fixo falta tomar esa medida, porque os veciños están ben protexidos polas brigadas», di a este respecto. O rexedor tamén apunta que a proximidade do encoro de Vos Peares facilita o labor dos equipos de extinción. «É unha vantaxe, porque os medios aéreos poden recoller auga con facilidade e traballar cunha cadencia elevada», comenta. «Dentro do que cabe, penso que a situación xa está medio controlada», agrega.