A Xunta disporá de 14.240 millóns de euros no 2026 e reforzará Política Social, Sanidade, Educación e Emprego

GALICIA

Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentan os presupostos do 2026 e contrapoñen a «normalidade» de Galicia fronte ao Goberno central, que segue coas contas do 2022
17 oct 2025 . Actualizado á 12:37 h.O Goberno galego disporá de 14.240 millóns de euros no 2026, segundo o proxecto de presupostos aprobado hoxe venres nunha reunión extraordinaria do Consello da Xunta.
O seu presidente, Alfonso Rueda, cualificou as contas de «históricas» porque se supera a barreira dos 14.000 millóns tras unha subida do 2,1% con respecto ao presuposto deste exercicio.
Rueda afirmou que son unhas «contas novas para un novo escenario». A principal diferenza é o fin dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), activado tras a pandemia. O presidente destacou que fixo un «esforzo» para substituír con fondo propios o fin das axudas da UE. Iso permitiu que, «pese a merma os orzamentos non baixen, senón que medran un 2,1 %. Sen a merma o crecemento estaría preto do 4,7 %», sinalou o presidente.
En cifras redondas, o presuposto crece en 300 millóns de euros e o 100% dese incremento, engadiu, está centrado nas «áreas sociais», é dicir as consellerías de Política Social, Educación, Sanidade e Emprego.
A primeira contará con case 90 millóns de euros máis para atender as persoas que se incorporaron ao sistema de dependencia. Sanidade disporá de máis fondos para Atención Primaria e ampliar o medicamento preventivo con cribados e vacinas. Educación empregáseos en manter a gratuidade da formación desde infantil ata a universidade.
Tamén recibe un importante aumento de fondos, superior ao 9%, a innovación, que recibirá máis de 400 millóns de euros.
Rueda destacou que a Xunta manterá as 120 baixadas de impostos aprobadas nos últimos anos e aplicará outras cinco novas: a dedución no IRPF pola compra de libros de texto e material escolar, novas vantaxes fiscais para os contratos de vitalicio —a cesión de bienes a cambio de coidados—, a exención tributaria das axudas a enfermos dELA, afectados pola talidomida e damnificados polos incendios, e a ampliación das rebaixas pola compra dun piso no imposto de transmisións patrimoniais ás familias monoparentais. Ademais, o teito desas rebaixas á compra de vivendas, da que tamén se benefician menores de 36 anos e familias numerosas, subirá ata 240.000 euros, 40.000 máis que hoxe.
Rueda puxo en valor a aprobación das contas en data desde o 2009, que conisderó unha mostra da «normalidade excepcional de Galicia». Tamén sinalou que contar con presupostos é a «única forma» de empregar de «forma eficaz os cartos dos cidadáns», que cos seus impostos financian os gastos da Xunta.
Tamén o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, subliñou a importancia de tramitar a tempo o presuposto, e sinalou o paradoxo de que «España segue coas contas do 2022 e nos aprobamos as do 2026».
Corgos destacou os bos datos macroeconómicos de Galicia. O PIB crecerá este ano un 2,5%, catro décimas máis que España, supera tamén as cifras da Unión Europea e enlaza seis anos crecendo máis que antes da pandemia.
A comunidade pechará o ano con 52.223 parados menos e 83.743 afiliados máis á seguridade social. A previsión é que o paro caia o ano que vén ata o 7,8%, tamén por baixo da media española.
Galicia foi ademais a comunidade que menos incrementou a súa débeda desde o 2009. En concreto, desde a pandemia aumentouna nun 5,5%, cando a media das comunidades foi do 13,8% e na Administración central creceu un 40,3%. As contas deste ano, explicou Corgos, non recorren a endebedamento por terceiro exercicio consecutivo.