Oques Grasses, Zetak ou ETS son algúns dos grupos que protagonizan un fenómeno en auxe que podería ser extrapolable a Galicia
19 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Cando no 2023 Coldplay anunciou unha cuarta data no estadio de Montjuïc, falouse de fito histórico. O que ninguén podía imaxinar é que dous anos despois, un grupo cantando en catalán, Oques Grasses, igualaría esa marca, vendendo 220.000 entradas en tempo récord. Tamén era absolutamente impensable que unha banda alavesa cantando en éuscaro, como é o caso de ETS (En Tol Sarmiento) enchese durante tres días o Bizkaia Arena de Bilbao, congregando a 45.000 almas e semanas despois colgase o cartel de sold out para o seu concerto no Movistar Arena, en Madrid. Ou que outra banda, neste caso navarra pero tamén cantando éuscaro, como é Zetak, congregase unhas 30.000 persoas en dous días no Navarra Arena de Pamplona, reunira a outras 40.000 en tres xornadas no pavillón donostiarra de Illunbe e agora vaia encher dous días o estadio de San Mamés, en Bilbao, con máis de 80.000 entradas vendidas.
Nunca na historia da música popular en España acontecera que bandas que se expresan en linguas cooficiais acadaran semellante capacidade de convocatoria. Un dos protagonistas deste fenómeno, Iñigo Etxezarreta, vocalista de ETS, considera que «ten que ver co momento vital do público e da propia escena. Hai moitas ganas de compartir música en directo, de vivir experiencias colectivas e de sentir que formas parte de algo. Cando unha banda transmite proximidade, emoción e honestidade, o público responde e créase unha conexión moi forte ao redor dos concertos».
Unha conexión que mantén vínculos cun sentimento identitario, desprovisto, iso si, de certos prexuízos e connotacións doutros tempos. Unha identidade que, ademais de no idioma, queda plasmada nas estreitas e intensas conexións que a música destas bandas mantén coas raíces e coas tradicións dos seus territorios de orixe. De feito, non deixa de ser curioso que as tres bandas con maior poder de convocatoria teñan a súa xénese en contornas rurais. Oques Grasses naceron en Roda de Ter, un concello de 6.000 habitantes da comarca de Osona (Barcelona); Zetak é o proxecto de Pello Reparaz, orixinario de Arbizu (Navarra), que apenas supera os mil habitantes; e ETS naceron en Yécora (Álava), un pobo de tan só 256 veciños.
AS POSIBLES RAZÓNS
É evidente que non existe unha única razón que explique o por que deste fenómeno. Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais pon amais da mesa o efecto FOMO, o medo a perderse algo. «Moitos destes concertos multitudinarios anúncianse como únicas ou últimas oportunidades para ver ao grupo. E é aí cando xurde o sentimento e a ansia de querer formar parte dun momento irrepetible», comenta. É o caso de Oques Grasses, que anunciou a súa disolución tras os concertos de Montjuïc.
O certo é que as formacións que están acadando esta significativa relevancia non emerxeron de súpeto tras viralizarse unha canción e, de repente, enchen pavillóns, senón que teñen tras de si unha longa carreira e una extensa traxectoria. De dezaseis anos no caso de Oques Grasses e de vinte no de ETS. No caso de Zetak, a súa formación remóntase ao 2019, pero o seu líder, Pello Reparaz, xa tivo outra banda, Vendetta, coa que estivo en activo dende o 2007.
Abundando nas posibles razóns deste fenómeno, Alan Queipo, mánager de Baiuca, Ortiga ou Carlangas apunta que nel tamén inflúen determinadas estratexias mercantís. «Algúns deses grupos vascos estiveron moito tempo sen facer concertos en Euskadi antes destes eventos multitudinarios. En Galicia é distinto. A nosa estratexia, por exemplo, con Baiuca, é tocar máis. Eles meten 60.000 persoas en dous días e nós en 35 datas».
Kin Martínez, director de Esmerarte e organizador de festivais como O Son do Camiño, PortAmérica ou Río Verbena, introduce nos argumentos o factor fiscal como vantaxe competitiva e elemento diferencial. «Euskadi ten a máxima dedución fiscal para a cultura, o que se traduce en que as producións culturais que fan as empresas vascas, sexa na súa comunidade ou fóra, teñen moitísimo máis diñeiro. O cal lles permite investir moito máis en desenvolver o talento, que é a nosa gran eiva».
O CASO GALEGO
A gran cuestión é: pode ser extrapolable a Galicia e aos artistas galegos iso que está a acontecer en Cataluña e en Euskadi?
A opinión é unánime en todos os consultados: «Neste momento, non». Tamén hai coincidencia en sinalar os anos de vantaxe que Cataluña e Euskadi nos levan en canto ao recoñecemento e normalización da lingua e da música feita no seu idioma.
Para Javier Becerra, xornalista de La Voz, «o único que se pode asemellar ao destes grupos foi cando Tanxugueiras encheron o Coliseum. Naquel momento foi un fenómeno que transcendeu do musical e converteuse en social. Daquela, incluso podería terse pensado en levalo a un estadio. Pero a día de hoxe, aínda que esteamos nun momento moi bo, non creo que haxa ninguén en Galicia en condicións de repetilo. Nin siquera os que cantan en castelán».
Patricia Hermida maniféstase optimista de cara ao futuro. «Creo que poderemos vivir algo parecido», comenta. «En Galicia estamos conquistando terreos que hai cinco anos eran inimaxinables. Temos propostas moi competitivas en todos os xéneros e a xente está noutra disposición á hora de escoitar música en galego. Fáltanos investir máis nos grupos e sacalos fóra».
Tamén Alan Queipo incide na idea de saír fóra, pero nun sentido contrario. «Os grupos vascos e cataláns poden vivir ben tocando só alí e iso fai que se acomoden un pouco, mentres que os galegos sempre teñen entre os seus obxectivos o expandirse». O director de Raso Estudio constata que a diferenza entre o poder de convocatoria que os grupos cataláns e vascos teñen en Madrid respecto da do seu territorio é moito maior que a dos grupos galegos. Con todo, e aínda que considera que a música en galego «rompeu o seu teito de cristal», Alan Queipo non ve a ninguén en Galicia «capaz de encher un estadio». Se ben apunta que todo é cuestión de escalas e de perspectiva. «Para min é igual de importante facer catro salas Capitol con Baiuca que para Zetak un San Mamés».
Kin Martínez ten moi claro que Galicia ten a materia prima, pero que lle falta ter un programa para desenvolvela. «Se queremos igualarnos a eses territorios que nos levan décadas de vantaxe, toca poñernos as pilas. Precisamos infraestruturas, salas de ensaio, salas de concertos, formación pública e regulada, profesionalizar o sector e apoio global para que o produto sexa o mellor posible e para consolidar o talento. De momento, aínda xogamos noutra liga».