O cantante vigués pódese alzar esta noite co premio a artista revelación na categoría global latina. Ademais, estrea novo epé xunto a West Dubai
07 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.O vigués Hugo Sacristán Olivié (1997), máis coñecido como Pikete, vive un dos momentos máis intensos e prometedores da súa carreira. Con apenas uns anos no panorama musical, o artista galego conseguiu consolidarse como unha das voces emerxentes máis frescas do xénero urbano español. O seu nomeamento a artista revelación na categoría global latina de LOS40 Music Awards e a súa viaxe promocional por Colombia e México confirman que este 2025 está a ser, como el mesmo admite, «o seu ano dourado».
Pikete non oculta o seu entusiasmo ante o que está a vivir. Confesa que moitos destes logros son froito do esforzo e a constancia dun traballo que, aos poucos, foi dando resultados. «O do nomeamento non mo agardaba», comenta con humildade, «pero todo o demais buscabámolo e traballado moito. Están a pasar as cousas que queriamos que pasasen», sostén.
O artista acaba de regresar dunha intensa estancia en Latinoamérica, onde presentou a súa música ante un público que o recibiu cos brazos abertos. Colombia e México foron os dous países elixidos para ese salto alén do Atlántico, un paso que —asegura— abriulle novas portas e oportunidades. «Puiden reunirme con moitos produtores e artistas cos que xa tiña contacto, pero aos que non puidera coñecer en persoa. Fixemos moita música nova e saíron temas que me morro de ganas por ensinar», explica.
Parte dese interese internacional vén do seu sinxelo Xornal de onte, xunto a Maisak, a súa primeira colaboración fóra de España. Aquela canción, que funcionou especialmente ben en Colombia, foi o punto de partida desta expansión.
Pechou a xira dOs 40 na súa casa
Pero antes de cruzar o charco, Pikete viviu un verán frenético en España coa xira dOs 40 Summer Ao vivo, que pechou na casa. «Foron os mellores concertos, sen dúbida. O público galego sempre me dá un cariño especial», lembra cun sorriso.
Este venres, Pikete estrea Hood Vision, un epé conxunto con West Dubai, que verá a luz horas antes da gala de LOS40 Music Awards. «Son seis cancións con variedade de estilos: reguetón, trap, rap e electrónica. É unha visión de barrio, pero tamén unha forma de contar como entendemos a vida e a música», precisa.
Non é a primeira vez que colabora con artistas de renome. Ao longo da súa traxectoria traballou con nomes como Recycled J ou C. Tangana, tamén vigués. Desa colaboración garda un recordo especial: «Saíu del a idea de facer música xuntos, e para min foi un punto de inflexión. Nese momento, Pucho era o número un e deume unha visibilidade enorme. Sempre lle estarei agradecido por esa oportunidade».
A súa conexión coa música vén de lonxe. Creceu nunha familia moi vinculada ao sector: o seu pai rexentaba salas de concertos e a súa nai formou parte do ambiente musical galego dos oitenta. «A miña nai non tiña un grupo propio, aínda que moita xente dio», aclara entre risos. «A súa mellor amiga foi Rosas Costas, de Aeroliñas Federais, e xuntas chegaron a saír no programa Xabarín Club cun grupo que montaron entre amigas, As Incribles Páncreas. Pero non foi un proxecto musical real». Con semellante contorna, era cuestión de tempo que Hugo acabase facendo música. Empezou rapeando con amigos nas prazas de Vigo, compartindo letras e gravando os seus primeiros temas case por intuición. «Todo foi moi natural», afirma. «Do primeiro estudo pasei ao segundo, logo viñeron as colaboracións… e con moito traballo e paciencia as cousas fóronse dando».
Sobre a industria musical española, Pikete móstrase crítico. «É moi difícil, sobre todo no urbano. En España primeiro tes que demostrar ti só que funcionas, facer números, e despois xa te chaman. En Latinoamérica é distinto: se ven talento, apostan por ti desde o principio». Por iso, o seu próximo obxectivo é consolidarse no mercado latino, onde considera que hai máis espazo para crecer.