Nai e filla comparten horta e oficio en Pontedeume: «É o noso medio de vida»
AGRICULTURA · Exclusivo subscritores
María José Souto e Tania García cultivan en Ombre e venden xunto ao mercado municipal e a negocios hostaleiros
25 oct 2025 . Actualizado á 21:20 h.Tania García, de 36 anos, e a súa nai, María José Souto, de 62, comparten oficio. Desde 2017, estas dúas eumesas cultivan a horta familiar, en Ombre (Pontedeume), e venden a súa produción de martes a sábado, no exterior do mercado municipal, e a varios negocios de hostaleiros. Tania abandonou a barbería —«a vida laboral estaba mal, moitas horas e salarios moi baixos»— para crear unha empresa coa súa nai, que tivo que deixar o seu emprego nunha explotación agraria ao xubilarse a titular. «Deunos os invernadoiros e trouxémolos para os nosos terreos. Xa tiñamos un para autoconsumo», conta. A relación, subliña, «é moi boa»: «Miña nai manda e eu fago o que me di, adáptome moi ben [risos]. É o noso medio de vida, dános para vivir».
Levan xa varios días recollendo nabizas, un dos produtos máis demandados polos seus clientes, e retirando a planta de verán nos invernadoiros. Fóra, xunto ás nabizas, crecen o repolo, o brócoli ou a coliflor, «que xa se puxo a finais de agosto, principios de setembro»; e a cuberto, as leitugas rizas e vermellas, as espinacas e as acelgas, e tamén brócoli e coliflor noutra instalación, «para cando se acabe o de fóra». Contan con tres invernadoiros «grandes» e unha ampla superficie ao aire libre.
Na praza teñen clientela fiel, que xa lle compraba á súa nai cando traballaba por conta allea. «Seguen con nós. No verán é cando máis movemento hai (miña nai ten moita xente de Madrid e cando se van encárganlle caixas de tomates e pementos para levar), porque tamén lle vendemos a tres chiringuitos da praia da Cabanas, aparte dun bar en Ares e tres ou catro de Pontedeume que nos collen todo o ano o produto de temporada», explica a segundo da saga, que está embarazada e xa ten substitución, a súa filla de seis anos. «Cando pode axúdame a plantar leitugas...», conta Tania, contenta polo xiro radical que deu á súa vida.
O seu pai, que se dedica á construción, tamén lles bota unha man —«é o que anda co tractor»—, igual que o seu irmán, soldador, —«cando temos que poñer as xudías, para colocar as varas e a rede»—. «É un traballo que ten unhas condicións que ás veces son duras, no verán pasas moito calor nos invernadoiros e no inverno pasas frío e chove, pero compensa», explica.
Un bo tándem
Nai e filla forman un tándem perfecto. Mentres María José comercializa a produción, Tania faena sobre o terreo. «A maior dificultade —sinala— é o tempo. Nós traballamos en convencional (non ecolóxico), pero ao levar xa uns anos as pragas sempre son as mesmas e sulfatas só se che atacan, non para previr. Aínda así, intento usar sulfato tipo pegamento, se unha praga afecta forte á planta, porque o bicho queda pegado e non vai nada para a planta... e se non, se non hai máis remedio, procuro usar sulfato de ortiga e xabón potásico».
En Ombre, «o clima é bárbaro». Ela sábeo ben porque vive en Vilachá, Monfero, concello onde naceu a súa nai: «Sempre poño tres ou catro regos de patacas de cedo, e un día de néboa en Monfero queimounas todas, e en Ombre non tiñan nada. É certo que aquí abaixo tes máis pragas, pola humidade». Parte dun dos invernadoiros ocúpana con mesas de cultivo de planta (tomate, pemento morrón, leituga...), que venden no mercado: «Usamos a semente de aquí, que gardamos dun ano para outro».
