Pontedeume celebra unha xornada gastrocultural solidaria con Palestina, o día 28
PONTEDEUME

Desde as doce da mañá haberá música, poesía, xantar ou sorteos, no mercado municipal
25 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Veciños de Pontedeume con Gaza, con apoio do colectivo Terra, o Concello, a Unión de Comerciantes e Autónomos (UCOA) e a Asociación Galega de Sumilleres, organizan unha xornada gastrocultural solidaria con Palestina. Será o domingo, día 28, a partir das 12 horas, cun obradoiro de papaventos.
Eva Veiga presentará os actos do día, que se desenrolarán no mercado municipal: folk fusión de Runalú, o tributo a Bruce Springsteen de Debosses, o pop de TLV e Óscar Quant, a música de Manolo Bacalhau, a arte de Eugenia Sanmartín ou a poesía de Karlotti.
Haberá un menú solidario, un sorteo de produtos doados por máis de trinta negocios eumeses ou venda de camisetas conmemorativas da xornada (a 15 euros), deseñadas polo eumés Pepe Barro, Premio da Cultura Galega de 2024 de artes visuais. A recadación irá á UNRWA, a axencia das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas palestinas.
.