O comité de empresa do Concello de Ortigueira denuncia «trato vexatorio» ao persoal do SAF por parte do alcalde, que o nega
ORTIGUEIRA

Os representantes das traballadoras convocan unha concentración o día 16 e o rexedor esgrime as melloras e acúsaos de «chantaxe»
03 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O comité de empresa do Concello de Ortigueira concentrarase o día 16 «polo trato vexatorio» do alcalde, o popular Valentín Calvín, contra o persoal do Servizo de Axuda non Fogar (SAF). Acusa o rexedor de «atentar contra os dereitos laborais das auxiliares, con xornadas abusivas e continuadas de luns a sábado, incumprindo o descanso semanal de 48 horas seguidas e o tempo de descanso entre xornadas que establece a normativa».
Os representantes das traballadoras critican a actitude «obstruccionista [de Calvín], sen vontade real de acordo nin de garantir os dereitos laborais, como proba a incomparecencia ao acto de conciliación e a suspensión de dúas vistas previas». A do 16 será a primeira acción das previstas.
Calvín lamenta o escrito e defende «a mellora das condicións do persoal do SAF» desde que chegou á alcaldía, en 2023. «Levaban dous anos sen vacacións, roupa e material, algo que emendamos», afirma. Ademais do reforzo con catro persoas máis. Admite que a situación «non é idílica, pero negar a mellora é mentir».
«Traballamos a diario para mellorar a situación», di o mandatario local. Fala de «grave erro» en alusión ás declaracións do comité e de «chantaxe, cando saben que o día 3 [este venres] hai unha reunión para tratar o asunto».