
Un grande ambiente, repleto de boa música
15 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.A primeira edición do festival Jazzin' Ferrol arrincou este sábado na praza da antiga frigorífica do peirao de Curuxeiras coa vibrante actuación do quinteto ferrolán Demo Rumudo. Ás 13.30, e baixo un ceo despexado, o público gozou dunha hora do vermú moi especial ao ritmo do innovador son desta banda de jazz fusión, que combina elementos do jazz clásico, o funk e o rock contemporáneo. Fundado en 2019, o grupo formado polos ferroláns Hugo Martínez (teclados e piano), Gabriel Visinel (guitarra), Ángel Rodríguez (batería), e os composteláns Álvaro Fernández (saxo alto) e Andrés Real (baixo) soubo conectar cun público diverso nun porto que se encheu o sábado de xente. A despedida do Juan Sebastián Elcano, as colas para tomar a lancha de Mugardos para acudir á Festa do Polbo, a actuación de Demo Rumudo enchendo de música o ambiente, xunto aos preparativos do tríatlon celebrado pola tarde, permitiron gozar dun grande ambiente que salpicou de boa música Demo Rumudo ofrecendo un repertorio fresco, dinámico e moi ben recibido polos asistentes ao concerto. A proposta do festival, impulsada por Turismo de Galicia e apoiada polo Concello de Ferrol e a Autoridade Portuaria, aposta por unir música, cultura e patrimonio nun enclave único xunto ao mar. O resultado estupendo.