O mundo do fútbol de Cerdido, Moeche e Cedeira chora a perda de Óscar Galego: «Era un fenómeno»
CERDIDO

Naceu na Barqueira, debutou con 13 anos no Moeche, do que chegou a ser capitán, igual que o sería despois da VDE Cebarca, e acabou nos veteranos do Cedeira SD
20 may 2025 . Actualizado á 22:10 h.O mundo do fútbol de Cerdido, Moeche e Cedeira está de loito. O falecemento de Óscar Galego, que cumprira 42 anos en marzo, uniu ás afeccións dos tres eternos rivais. Galego naceu na Barqueira (Cerdido) en 1983 e con 13 anos incorporouse á ADC Moeche, «porque se levaba co Cebarca e turnábanse nas categorías», como explica Óscar González, directivo do equipo de Cerdido.
«Empezamos xuntos, Óscar, seu irmán (Rubén) e eu, porque era o club que tiña categorías inferiores, e acabou sendo capitán do Moeche. E é moi difícil, tendo sido capitán do Moeche selo tamén do Cebarca, e el foino. Era un fenómeno», apunta Rubén Rodríguez, vicepresidente do club da Barqueira. Aquel mozo futbolista acabou incorporándose ao club do seu corazón, a VDE Cebarca. «Como era moi bo xogador, cando o Moeche quedou en Terceira Rexional e nós subimos a Segunda, trouxémolo para A Barqueira, e xa quedou», lembra González.
«Era unha persoa tan responsable e queríalle tanto ao club que pasou anos malos no Moeche por non deixalo, porque lle deu a primeira oportunidade de xogar [...]. Un non acaba sendo capitán de dous equipos rivais se non é un tío queridísimo nos dous sitios», subliña Rodríguez, como exemplo do carácter de Óscar, que demostraba tanto no campo como fóra del.
Por medio tamén vestira a camiseta da VDE Somozas. E da VDE Cebarca saltou, no ano 2020, ao equipo de veteranos do Cedeira SD. A nivel laboral, empezou na construción e levaba anos traballando como electricista en Cedeira, onde vivía. «Tivo ofertas de traballo para irse fóra e gañar máis cartos, e acabou sempre mirando polo seu xefe, o que lle deu a oportunidade de traballar, e nunca quixo irse.Era un profesional criminal», enxalza Rodríguez.
Á parte da VDE Cebarca, era seguidor do Real Madrid, e un apaixonado do fútbol. «Gustáballe moitísimo. Sempre dicía que no fútbol non había lesións, senón lesionados, vamos, que se lesiona quen quere. Era moi forte fisicamente, un toro, cunha xenética perfecta, por pouco que adestrara sempre estaba ben», engade.
Por iso cando recibiu o diagnóstico, «vendo o ánimo co que entrou nas primeiras sesións de tratamento e sabendo como era, todo o mundo pensaba que se alguén pode saír disto é el». Poucas veces, ou quizais nunca, xuntárase tanta xente no tanatorio de Cedeira como a que se congregou onte pola tarde para despedir a Óscar Galego. «Isto é impresionante, que che responda así a xente... o fútbol ten iso de que, aínda que esteas en tres clubs distintos, ti es dun e é complicado que teñas contenta a tanta xente», comentaba Rodríguez a última hora da tarde do luns.
Así lle despediron nas redes sociais da VDE Cebarca: «Óscar foi un loitador incansable, dentro e fóra do campo. Enfrontou a enfermidade con valentía, como tantas veces fixo defendendo as nosas cores. Gañou moitos partidos… pero, por riba de todo, gañábanos a todos coa súa eterna sonrisa e a súa maneira alegre de ser. Persoa moi querida no clube, hoxe despedímolo cunha mestura de tristura e gratitude por todo o que nos deixou». Será enterrado esta tarde na Barqueira.