Asotrame consolida o seu servizo psicosocial para pacientes de cancro hematolóxico
FERROL
O apoio económico dA Caixa afianza un programa con 705 intervencións en 2024
29 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.O apoio da Fundación A Caixa ao servizo de atención psicosocial de Asotrame, Asociación galega de persoas trasplantadas de medula ósea e con enfermidades oncohematológicas, garante manter un proxecto vital de acompañamento a pacientes e familias en momentos de gran vulnerabilidade. O local da entidade en Ferrol e o hospital Arquitecto Marcide son dous dos puntos onde se desenvolve este labor, que busca amortecer o impacto emocional do diagnóstico e tratamento do cancro hematolóxico.
A intervención céntrase nun acompañamento continuado que axuda aos pacientes para xestionar emocións complexas como inquedanza, tristeza ou depresión, derivadas dun proceso que altera profundamente a vida cotiá. Ademais da atención psicolóxica, a traballadora social de Asotrame canaliza demandas de información, orientación e recursos, guiando aos afectados en trámites e axudas. O programa combina sesións presenciais e apoio telemático. Grazas ao financiamento de 27.165 euros outorgada este ano, asegúrase a estabilidade dunha iniciativa que o ano pasado acadou un total de 705 intervencións en toda Galicia. Ademais de Ferrol, o programa desenvólvese no Hospital Clínico de Santiago, o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Chuac da Coruña e o Hospital Lucus Augusti de Lugo.