Contactos iniciais entre PP e Vox para buscar un candidato de consenso que releve a Mazón
ESPAÑA
O partido de Abascal reclama ao de Feijoo que propoña cando antes ao sucesor do expresidente da Generalitat
08 nov 2025 . Actualizado á 11:31 h.As negociacións entre o PP e Vox para atopar unha substitución a Carlos Mazón, que presentou a súa dimisión este luns, están a levarse de xeito discreto e seguirán ata que se logre «a estabilidade na reconstrución de Valencia», segundo dixo onte o presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo.
Nesta primeira rolda das conversacións, despois de que os líderes de ambos os partidos falasen por teléfono, a consigna en Vox é «apertar» ao PP todo o posible. E para a formación de dereita radical, xa non son suficientes nin o acordo de investidura que ambas as formacións asinaron en xullo do 2023 nin o pacto orzamentario que acadaron en maio do 2025. E iso aínda que neste último documento, Mazón aceptara os principais postulados de Vox, como «oporse ás imposicións ecoloxistas de Bruxelas» e «protexer os valencianos da inseguridade que trae consigo a inmigración irregular, masiva e desordenada».
En Vox temen que o substituto do aínda presidente en funcións converta en papel mollado estes acordos, como aseguran que ocorreu con textos similares en Aragón e en Estremadura, e para evitalo pretenden agora ir máis aló. «Estamos acostumados a que o PP trate de enganarnos e non cumpra os seus compromisos e por iso imos ser firmes», salientan fontes do partido de Abascal a Colpisa.
En Vox sinalan que reclamaron ao PP que propoña canto antes un candidato e que este presente un programa co que pretenda gobernar. Pero tamén lembran, en calquera caso, que están pola «estabilidade» e asumen que a súa forza son 13 deputados fronte aos 40 do PP e entre os 99 que compoñen o Parlamento valenciano.
A vía xudicial
Pero hai factores externos que poden enturbar as conversacións entre PP e Vox. Un deles é a investigación xudicial sobre a catastrófica xestión da dana que investiga a xuíza de Catarroja. Nuria Ruiz Tobarra, citou este venres ao portavoz do PP nas Cortes Valencianas, Juan Francisco Pérez Llorca, un dos candidatos posibles para substituír a Mazón tras a súa dimisión como presidente da Generalitat, para que declare en calidade de testemuña o 21 de novembro ás 9.30 horas. A maxistrada chama o mesmo día, ás 11.30, ao dono do restaurante O Ventorro, onde Mazón xantou coa xornalista Maribel Vilaplana o día da riada.
Tras a renuncia do expresidente do PP, os grupos políticos do Parlamento autonómico dispoñen ata o 19 de novembro para presentar os candidatos.