España reactiva con urxencia a oficialidade do catalán na UE ante a ameaza de ruptura de Junts co PSOE
ESPAÑA
O Goberno español acordou iniciar conversacións con Alemaña para que o galego, o catalán e o eúscaro sexan «aceptables para todos os estados membro»
24 oct 2025 . Actualizado á 19:06 h.O Goberno de España reactivou as conversacións de xeito urxente para buscar a oficialidade do catalán na Unión Europea ante a amenza de ruptura de Junts co PSOE. Para iso, acordou iniciar conversacións bilaterais con Alemaña e así dar unha resposta á súa petición de que o eúscaro, o catalán e o galego sexan recoñecidas como oficiais na Unión Europea que sexa «aceptable para todos os estados membro». Nunha declaración conxunta facilitada a EFE polo Executivo español, ambos os gobernos ratifican a súa decisión de abrir un diálogo recoñecendo que o uso das linguas cooficiais é «unha parte esencial da identidade nacional plurilingüe de España».
Por iso decidiron iniciar conversacións bilaterais «a partir das cales España presentará un texto para debate e decisión» dos 27 Estados membro nunha futura reunión do Consello de Asuntos Xerais. Segundo apuntan, a súa intención é que os ministerios de Asuntos Exteriores dos dous países comecen ese diálogo bilateral «o máis axiña posible».
Alemaña foi un dos países reticentes a ampliar o catálogo de linguas oficiais na UE, que esixe a unanimidade dos estados membro. «O Goberno non deixou de mostrar a súa determinación para avanzar cara á oficialidade do catalán, o eúscaro e o galego. O de hoxe é un paso importante para facelo posible», destacan fontes do Executivo.
O recoñecemento das linguas foi un dos compromisos adquiridos con Junts ao comezo da lexislatura e a formación que lidera Carles Puigdemont, que citou á súa executiva o luns en Perpiñán (Francia), non esquece que segue pendente.
Sánchez e o chanceler alemán, o cristianodemócrata Friedrich Merz, abordaron a cuestión o pasado 18 de setembro, cando mantiveron unha reunión no Palacio da Moncloa. Na rolda de prensa posterior, Merz afirmou que comprendía «moi ben» o interese do Goberno: «Como resolvelo, xa o teremos que ver».
Como membro que foi do Parlamento europeo, explicou, sabía o complicado que é o servizo de idiomas e que cada lingua engadida multiplica a necesidade de traducións.
Ao seu xuízo, nun medio prazo podería haber «unha boa solución» a ese problema grazas á IA, que permitirá prescindir de intérpretes e «entender e falar» todos os idiomas da UE, aínda que recoñeceu para iso terá que pasar «un pouco de tempo». «Levamos 40 anos agardando este momento e agardo que poidamos logralo nun futuro non moi afastado», afirmou Sánchez.