O GMG Luís Freire acode á Fervenza do Toxa a buscar setas

Alejandro Mínguez
alejandro mínguez LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

O domingo fará un estudo das especies micolóxicas da zona

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grupo Micolóxico Galego Luís Freire visita mañá domingo a Fervenza do Toxa, dentro do Concello de Silleda, para o estudo das especies micolóxicas dentro da programación de saídas que realizan ao longo do ano iniciadas a principios dos anos noventa. Os hábitats neste caso son: eucaliptos, sobreiras, piñeiros, carballos,… Deste xeito, o Grupo Micolóxico Galego regresa ás bisbarras do centro de Galicia trala visita a Lalín en 2023 e A Estrada en 2024. Neste 2025, en marzo houbo tamén unha saída a Cerdedo-Cotobade.

Cómpre sinalar as actividades de divulgación micolóxica que teñen lugar na Estrada capital, Couso, Orazo, Soutelo de Montes, Rodeiro, Agolada ou Silleda. Unha zona onde hai múltiples referencias aos cogomelos a nivel divulgativo e incluso comercial ou social. Os representantes do Grupo Micolóxico Galego, procedentes das catro provincias galegas e norte de Portugal, son divulgadores e investigadores con máis de trinta anos de experiencia en moitos casos.

A mellor época para saír ao campo na procura de cogomelos é cando hai moita humidade e a temperatura é suave, como no outono ou na primavera, pero cogomelos hainos todo o ano. Este outono e inverno foron tan chuviosos que, se as temperaturas nesta primavera son suaves, é moi posible que aparezan cogomelos silvestres en cantidade, iso si poden ser comestibles, tóxicos ou sen valor culinario. En todos os casos fan unha importante labor no medio natural como alimento de pequenos animais ou como depuradores da materia orgánica, polo que non se deben estragar se non se van recoller.

Dende o GMG insisten que é precisa e imprescindible unha formación científica mínima para saír ao monte para recoller e consumir cogomelos. Os cogomelos máis buscados na primavera polo micófagos son os Cantharellus cibarius, de color amarelo-alaranxado, de cheiro afroitado moi aprezado para caramelizar e empregar nas sobremesas. Tamén aparecen os Marasmius oreades de pequeno tamaño e habitual das praderías, cun pé elástico, utilizado en fresco ou deshidratado para sopas ou revoltos. Neste tempo podemos atopar tamén exemplares tóxicos do xénero Amanita, onde hai cogomelos comestibles pero tamén exemplares tóxicos e mortais. Pero non todo é comer cogomelos.

Recollida regulada

En Galicia está regulada a recollida de cogomelos dende hai máis dunha década. Tamén a súa comercialización por medio dun Decreto Lei que limita a dous quilos a cantidade diaria a recoller por persoa, prohibe a recollida en bolsas de plástico e recomenda o uso dun coitelo ou navalla para a extracción completa dos exemplares, tratando de non danar o micelio e deixar o hábitat en bo estado.

O Grupo Micolóxico Galego naceu en 1992 e tivo como primeiro presidente o pai da micoloxía galega moderna, Luís Freire. Hoxe o presidente é Oscar Requejo e mantén a súa definición como: independente e científico, dedicado ao estudo, divulgación e defensa do medio natural en relación coa macromicoloxía. A presidenta de honra é Marisa Castro. Levan máis de duascentas saídas con outras tantas experiencias para constatar a situación medioambiental e micolóxica de Galicia e norte de Portugal.

Os resultados e conclusións das especies atopadas nestas saídas, moitas delas son recollidas para a análise de ADN, pasan a formar parte dos estudos do grupo, moitos dos cales están volcados na revista científica Mykes, que se pode atopar en internet. Nalgúns casos estas saídas permiten primeiras citas para a ciencia de determinadas especies e incluso achádegos que con nome galego dan á comunidade científica internacional un novo cogomelo tras o paso polo laboratorio. O labor do Grupo Micolóxico Galego é fundamental no estudo da micoloxía galega dende que iniciou a súa divulgación formal en 1961 no Centro de Investigacións de Lourizán.

Á marxe da saída técnica, o grupo fará unha visita turística e cultural ao Mosteiro de Carboeiro.