O venres 21 de marzo ás 20.00 horas inaugúrase no museo Ramón Aller de Lalín a exposición da artista Ehlaba Carballo. EMET, traducido como «a verdade» é o título da mostra enmarcada na programación Lalín con arte. Así mesmo, esta non é a primeira vez que Ehlaba presenta a súa obra na capital dezana, participando en varias edicións de EmporcARTE, a última este ano coa obra 11 porquiños. Tamén realizou anos atrás unha exposición titulada Unha porta do Rial.
A pintora de Xunqueira de Espadanedo presenta unha mostra pictórica de 22 obras, resultado do estudo e aprendizaxe que a artista levou a cabo sobre as letras hebreas e a árbore da vida. En cada traballo figura unha letra, unha árbore da vida e outro pintado. A mostra poderase visitar ata o 23 de maio.
Ehlaba Carballo de Dios, presentou as súas obras en galerías de Ourense, Santiago, A Coruña, Vigo Barcelona, Pontevedra, Madrid ou París. Ademais, levou proxectos expositivos en salas e museos como o Museo do Pobo Galego, os de Hiroshima, Kioto, Tokio, o Louvre ou o Museo das Américas, en Miami.
Finalmente, Ehlaba Carballo de Dios estivo presente en feiras internacionais como a World Art Dubai ou o Artexpo de Nova York.