A apertura de pistas forestais arrasa humidais e flora singular na Estrada
A ESTRADA
Verdegaia solicita a paralización dos traballos e a reparación de danos
04 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.O plan de ampliación e mellora de pistas forestais que o Concello da Estrada está a executar en colaboración co Servizo de Prevención de Incendios de Pontevedra podería ser contraproducente para a prevención de incendios. Polo menos iso é o que considera o colectivo ecoloxista Verdegaia, que asegura que as drenaxes que se están producindo nalgunhas zonas de humidais ao instalarse tubaxes para a canalización das augas acabarán por secar as brañas, que son ecosistemas que de forma natural funcionan como almacéns de auga durante todo o ano e que poden actuar de barreira fronte aos incendios.
O plan de mellora de pistas forestais do Concello estradense supuxo en Souto a recuperación de cinco quilómetros dunha pista para a prevención e extinción de lumes que une tres lugares de dúas parroquias estradenses: Requián e Casalpaio (Frades) e Paramá, en Santo André de Vea. Este tipo de traballos tamén se están realizando en tres pistas de Codeseda, concretamente as de Xubrei, Insuela e Quintas, que conectan esta parroquia con Souto e Cerdedo-Cotobade.
A asociación ecoloxista Verdegaia pide a paralización dos traballos e a reparación dos danos causados ao ecosistema. Asegura que estas obras afectaron de forma grave ao patrimonio natural da zona. Segundo indican, o ensanche e apertura de novos viais provocou a eliminación ou perturbación de áreas nas que crecen cinco especies de flora ameazadas. Entre elas atópase a Lycopodiella inundata, unha raro fento en perigo de extinción. Esta especie ten nesta zona estradense a súa maior poboación do territorio galego.
Os traballos tamén causaron un impacto importante nas poboacións de Narcissus pseudonarcissus da subespecie nobilis e de Narcissus cyclamineus, dúas especies bulbosas que se viron directamente afectadas polos cortes no terreo. Para rematar, Verdegaia destaca que se están vendo afectadas ademais dúas especies de briófitas ameazadas: Sphagnum pylaesii e Fuscocephaloziopsis connivens, debido ás alteracións sufridas no seu fráxil ecosistema.
Os ecoloxistas advirten que tamén se viron danados dous Hábitats de Interese Comunitario considerados prioritarios: as turberas altas activas e os brezales húmidos atlánticos de Erica Tetralix e Erica ciliaris, seriamente afectados ao ser atravesados pola maquinaria. Estes dous hábitats teñen moi pouca resiliencia ante as alteracións, e máis aínda cando estas afectan o nivel freático, como ocorre neste caso. Estes lugares son o refuxio de moitas especies ameazadas, como a Lycopodiella inundata ou a Littorella uniflora, que conta nun destes brezales cunha das cinco poboacións que se coñecen actualmente en Galicia.
Verdegaia explica que as obras se están levando a cabo en varias zonas húmidas incluídas no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, así como en varios nacentes de regachos tributarios do río Umia.
O colectivo ecoloxista lembra que, ademais, realizáronse traballos nas contornas de protección de elementos patrimoniais, como mámoas e petróglifos, con intervencións con maquinaria pesada a escasos metros do destacado petróglifo de Chan de Lamas, no que se representa un gran cervo que é único na Estrada e moi peculiar no conxunto rupestre galego. Ademais, derrubáronse muros de pedra en seco, recoñecidos pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial e afectouse aos terreos nos que se desenvolve a Baixa dos cabalos na soada Rapa dás Bestas de Sabucedo.