
Só hai rexistrados 287 nomes fronte ós 5.000 doutros concellos
30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Galicia é extraordinariamente rica en topónimos. Máis aló das parroquias e das aldeas que conforman cada concello, cada lugar está cheo de carballeiras, congostras, regueiros, camiños, penedos ou veigas con nome propio. A Estrada, que é un dos dez concellos galegos con maior superficie territorial e o terceiro en entidades de poboación, ten necesariamente que ter milleiros de microtopónimos que, en moitos casos, están a desaparecer co abandono do rural e a perda dos maiores que os veñen empregando desde nenos.
Para evitar que ese riquísimo patrimonio lingüístico desapareza para sempre, a Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral da Lingua impulsaron o proxeto Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela.
Sen embargo, ese interesante proxecto non atopou ata o de agora na Estrada a resposta que precisa. O inmenso patrimonio toponímico que atesoura o municipio non se reflicte en Galicia Nomeada, que desde o seu lanzamento só recibiu 287 achegas públicas de microtopónimos que se sumaron aos 515 nomes de entidades de poboación rexistrados no Nomenclátor de Galicia, no que constan os nomes de todas as parroquias e aldeas.
A cifra de microtopónimos é moi inferior á doutros concellos de superficie similar á da Estrada, como Guitiriz (Lugo) ou A Veiga (Ourense), que conseguiro recompilar 4.904 e 5.290 topónimos respectivamente a través do proxecto Galicia Nomeada.
Nun novo intento por salvar a microtoponimia estradense, a vila acollerá este xoves (19.00 horas, Casa das Letras) unha charla da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo Ares, ensinará aos presentes como darse de alta na plataforma e engadir novos nomes de montes, soutos, fontes, leiras e outros microtopónimos empregando a aplicación do proxecto. Tamén se poden anexar imaxes ou audios a cadansúa ficha ou facer suxestións sobre nomes mal rexistrados ou mal situados. O obxectivo é sumar o maior número posible de colaboradores,
Nomes únicos como Curantes e Tabeirós
Na charla deste xoves —presentada polo alcalde e a subdirectora de Planificación Lingüística— tamén se falará da orixe e o significado dos nomes dalgunhas parroquias (50) e aldeas (517) deste concello, información publicada en dúas obras fundamentais sobre a toponimia maior: «Toponimia da Estrada», de Fernando Cabeza Quiles, e «Os nomes da Estrada», de Clara Iglesias Cortizo. Entre a riqueza toponímica que atesoura A Estrada hai alfaias únicas, como Curantes,topónimo posiblemente prerromano e de significado descoñecido, ou Tabeirós, documentado na antigüidade como Tavariolos, Taveriolos, Taveirolos e Taveiriolos e considerado un hidrónimo prerromano.