A principal saída podería estar na súa xestión para xerar biometano
21 dic 2025 . Actualizado á 11:13 h.Os movementos xurdidos en Agolada no ámbito político e para a consecución de terreos que acollan a posible instalación dunha planta de biometano pon sobre a mesa a obrigatoriedade de xestionar os xurros que se producen nunha comarca eminentemente gandeira. En Deza ademais detectouse unha alta concentración de nitratos en augas superficiais, outra problemática derivada do uso como abono deses residuos, xunto co de fertilizantes químicos.
Debe buscarse unha solución para os 1,52 millóns de metros cúbicos de xurro que produce a cabana gandeira de Deza ao ano. Unha cifra recollida nunha análise efectuada no 2023 polo enxeñeiro agrónomo, Marcos Fuentes Sánchez, da empresa Nudesa con sede en Silleda recollido a publicación Campo Galego. Desa cantidade, o 52% procede do sector porcino, o 39% das explotacións de bovino e ao redor do 9% das avícolas. Outro dato relevante reflicte que ao redor do 17% do xurro producido en Galicia procede a comarca dezana, onde se xera un excedente que Fontes sitúa entre o 7 e 33%.
Detrás desa elevada produción de xurro atópase a relevancia do sector primario en Deza. Aquí concéntrase o maior número de explotacións de porcino da provincia pontevedresa, que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) situaba no 2023 no medio centenar de granxas de reprodutoras, con 15.275 cabezas, e 389 de porcino cebado, con 360.746 unidades. En números significativos tamén se sitúa o bovino, con 1.784 explotacións e 70.658 cabezas, así como o sector avícola, con 421 granxas e máis de 3,6 millóns de animais, en ambos os casos con datos publicados polo IGE e INE, respectivamente.
Materia prima a transformar
A fortaleza do sector agrogandeiro na zona que reflicten eses números convértena en punto de interese para a implantación de plantas de biometano. A materia prima da que se nutren estas instalacións, que xeran debate veciñal en Agolada se ben aínda nin se presentou o proxecto, son precisamente os xurros xunto a residuos agrogandeiros e agroindustriais. Cumpre así condicións estruturais marcadas por Europa para o despregamento do sector do biometano, con ese gran volume de esterco en produción continuada xunto aos baixos custos loxísticos por proximidade, a localización próxima a infraestruturas gasistas e contorna idónea para unha integración adecuada das instalacións no territorio.
Á xestión dos xurros súmase, como apuntabamos ao principio, o informe elaborado hai un ano por Ecoloxistas en Acción sobre a carga de nitratos nas augas superficiais da comarca de Deza. Entre as súas conclusións figura que a alta concentración detectada debería leva á declaración de Zona Vulnerable de Nitratos (ZNV) para o territorio dezán. O informe reflicte que hai un alto grao de concentración de nitratos nun 40,47% desas augas superficiais na categoría de probables, con niveis superiores aos permitidos, mentres noutro 40,47% está na de sospeitosas. O colectivo ecoloxista achaca a súa orixe á alta carga de gandería industrial, xunto ao uso de xurros e fertilizantes químicos empregados para abono en agricultura.
Deza por tanto figura como zona altamente vulnerable á contaminación por nitratos. Se finalmente se considera como ZNV, xunto á actual regulación europea, podemos colixir dificultades para a sustentabilidade do sector primario ante posibles restricións e obrigacións ao xestionar os residuos. Ser zona vulnerable a nitratos obrigaría a reducir os quilogramos de nitróxeno por hectárea, a que os agricultores leven un rexistro que permita a trazabilidade das aplicacións de abonos orgánicos e químicos, mentres as explotacións gandeiras deberán contar cun rexistro das cantidades de esterco esparexido en cada parcela. A Consellería do Medio Rural está pendente de estudos de Transición Ecolóxica antes de elaborar o decreto para a declaración desas zonas vulnerables a nitratos onde podería incluírse Deza. Nese punto o biometano xorde como opción válida para previr o impacto normativo e garantir a sustentabilidade do sector primario.
En Galicia operan catro plantas de biometano e hai varios proxectos en tramitación
Para contextualizar a situación cabe destacar que de cinco plantas no 2022 pasouse ás 26 plantas de biometano actualmente operativas en España, catro delas en Galicia —nAs Somozas, A Coruña, Ourense e Porriño— e onde hai varios proxectos en tramitación. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu hai un mes no Parlamento en que a ese proceso para autorizar novas instalacións será garantista e con cumprimento rigoroso da normativa vixente.
Desde as firmas promotoras deste tipo de complexos destacan que contribúen á rexeneración dos acuíferos a reducir a carga de nitratos e outros residuos, así como a rexeneración dos chans agrícolas, en ambos os casos ao obterse biofertilizante con maior carga de materia orgánica. Engaden a mellora da calidade do aire e de malos cheiros xerados polos xurros, xunto á redución dos gases de efector invernadoiro ou o fomento da economía circular.
Norma europea e PAC
A optimización dos subprodutos gandeiros posibilita optimizar recursos e facilitar a transición ao caderno dixital e a agricultura rexenerativa. A nova estratexia de bioeconomía da Unión Europea tende así mesmo a modelos integrados, onde o biometano forma parte de sistemas máis amplos onde as plantas xeran produtos de valor engadido. Súmanse as nova regras desa estratexia que sinalan que instrumentos de financiamento como a PAC deben recompensar de forma específica aos agricultores pola adopción de prácticas que contribúan aos obxectivos climáticos. Así os gandeiros galegos, en particular os de Deza, deberían adoptar unha actitude de adaptación a ese novo escenario regulatorio.
O sector do biometano aprecia non tanto un rexeitamento á tecnoloxía como unha reacción automática derivada de décadas de xestión ineficiente dos residuos agrogandeiros. Ademais defenden a transparencia respecto a unhas plantas con certificación continua e un modelo de profesionalización, evitando non só a contaminación senón que corrixen problemas actuais e achegan solucións ambientais, económicas e sociais.
Microplantas en explotacións ou plantas industriais?
As dúas principais alternativas para a xestión do xurro lévannos á instalación de microplantas nas propias explotacións gandeiras ou a dotación de plantas industriais de biometano. No primeiro caso existen condicionantes negativos polo tamaño pequeno ou medio das granxas ou polo custo millonario dunha infraestrutura de biometano de última tecnoloxía. O mantemento desa infraestrutura require así mesmo experiencia e coñecementos técnicos do gandeiro, que tampouco dispón de axudas ou incentivos fiscais a nivel nacional ou galego para custear esas microplantas, que si hai por exemplo en Francia, Italia ou Dinamarca.
Nese marco gaña enteiros a segunda alternativa, as plantas industriais de biometano. Os promotores deste tipo de instalacións defenden o seu deseño personalizado e con escala acorde á realidade agrogandeira do territorio. A súa dimensión en España estaría nun punto intermedio entre as macroplantas danesas ou as microplantas alemás, xestionando ao redor de 100.000 toneladas anuais de subproduto. Fronte ao sector do biogás, que só xestiona o residuo, sen pór o foco de calidade de produción, as plantas deséñanse con alta tecnoloxía, cun proceso completamente estanco para producir gas verde e devolvendo un dixerido a converter en biofertilizante.
Outros argumentos esgrimidos polas empresas do sector inciden na transformación dos residuos agrarios e gandeiros en biometano, inxectado despois na rede nacional de gas podendo substituír pola súa calidade ao fósil. Así se impulsaría, din, a circularidade ademais de contribuír á descarbonización.
A Asociación Ibérica de Gas Natural, Hidróxeno e Gas Renovable para a Mobilidade Sostible, GASNAM, espera que en Europa entren en funcionamento 900 plantas de biometano nos próximos cinco anos, nun contexto onde as institucións comunitarias demandan maior contribución do biometano á seguridade enerxética e onde España se atopa a cargo dos investimentos previstos cunha contía de 4.800 millóns de euros.
