Entregáronse 53 placas de prata ao equipo galego que acudiu a Valencia
14 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu onte na Axencia Galega de Seguridade na Estrada, o acto de entrega de medallas ao mérito de Protección Civil. O actual xerente do Consorcio contra Incendios e Salvamento de Deza e Tabeirós-Terra de montes, Juan José Muñoz, recibiu unha medalla de ouro pola súa traxectoria na atención de emerxencias. A estas sumáronse 53 placas de prata entregadas a outros tantos efectivos que integraron o equipo galego que se desprazou a Valencia para prestar axuda tras a DANA e entre os que se atopaban membros da Agasp e do GES da Estrada, así como aqueles que traballaron en vaga de incendios forestais do pasado verán. No acto recoñeceuse a 33 voluntarios que cumpriron 25 anos de servizo e concedéronse seis medallas de bronce, unha delas a título póstumo a José Manuel Calviño da Agrupación de Protección Civil da Coruña, unha medalla de prata a Manuel Expósito de Protección Civil de Viveiro e a de ouro recibida por Muñoz.
Roda destacou a solidariedade e o compromiso das agrupacións de Protección Civil «como garantes dunha atención efectiva ás emerxencias». Puxo o acento na solidariedade e o traballo en equipo das agrupacións. O presidente da Xunta estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, entre outros. Roda felicitou aos premiados e agradeceu o labor de todas as asociacións de Protección Civil pola súa colaboración diaria en emerxencias e prevención de riscos e a colaboración de todas as administracións galegas.
Juan José Muñoz: «Foi un acto moi emotivo e que che recoñeza a túa propia xente é o máis bonito»
O pasado mes de maio, a Xunta facía públicas a concesión das distincións que onte se entregaron. O xerente do parque de Bombeiros intercomarcal de Deza e Tabeirós-Terra de montes situado en Silleda, Juan José Muñoz, recibiu emocionado unha medalla de ouro pola súa traxectoria profesional. Natural de Monforte de Lemos, Muñoz leva desde os 14 anos vinculado a Silleda.
En 1998 incorporouse ao consorcio de Bombeiros dezán que entrou en funcionamento un ano despois. Na actualidade segue ocupando a praza de xerente, aínda que cunha paréntese profesional entre os anos 2009 e 2017 nos que pediu unha excedencia para asumir o posto de xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), cun papel destacado na posta en marcha do servizo do 112 na Estrada.
Onte, Juan José Muñoz comentaba que «xa o día que mo comunicaron foi unha sorpresa monumental e hoxe (por onte) foi un acto moi bonito». Destacaba o recoñecemento ao equipo de Galicia que se desprazou a Valencia a unha serie de voluntarios de Protección Civil pola súa permanencia. Destacou que «me felicitou todo o mundo, coñezo a todo o mundo porque son moitos anos no sector; os anos que estiven na Axega, felicitoume o presidente da Xunta e quédome sen palabras».
O xerente do consorcio intercomarcal recoñeceu que se emocionou moito e agradeceu especialmente «recibir o cariño da xente, de todo o mundo que te coñece, moita xente coa que traballei no 112, compañeiros de profesión e que che recoñeza a túa propia xente é o máis bonito».
Foi, comentou, «un acto moi emotivo e moi bonito». No acto proxectáronse vídeos do labor realizado en Valencia e «recoñeceuse o traballo de emerxencias e de Protección Civil, xente que está aí sempre ás duras e ás maduras. É un traballo moi vocacional».
No persoal, explica, «foi impresionante, vivino moi emocionado e con moita emoción». Un acto que viviu rodeado de moitos compañeiros de fatigas e cos que compartiu, nalgúns casos, moitas horas de traballo en todo tipo de operativos de emerxencias realizados ao longo de todos estes anos con vivencias de duras traxedias como a de Angrois que viviu desde a Axega e máis recentemente a do autobús de Pedre.