O amigurumi chega á Estrada con clases «que son artesanía e terapia»

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

A pontevedresa Ana Gómez é mestra e adicta a esta arte de orixe nipón

02 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A arte do amigurumi quere crear escola na Estrada. Para os non iniciados, un amigurumi é un pequeno boneco tecido mediante a técnica de croché ou gancho. O termo e a tendencia teñen a súa orixe no Xapón, onde regalar un amigurumi tecido a man considérase un xesto de cariño e aprecio, xa que cada boneco tecido a man implica unha dedicación e un esforzo orientados especialmente á persoa que o recibe. Os amigurumis concíbense, ademais, como compañeiros para toda a vida, capaces de ofrecer protección e consolo aos seus donos. Na súa orixe xaponés, estes bonecos adoitaban crearse sen boca, para simbolizar a confidencialidade, a protección e o acompañamento fiel, especialmente en momentos difíciles.

Ana Isabel Gómez Villaverde, que este outono ofrecerá clases de amigurumi na Estrada, descubriu esa arte no Brasil. No ano 2012 o seu marido mudouse alí por razóns profesionais e ela acompañouno. Instaláronse en Natal, ao noroeste do país. Na súa procura de novos entretementos e experiencias, Ana atopouse co amigurumi. «Alí, como en todos os países latinos, a artesanía é todo un mundo e o amigurumi estaba por todas partes. É algo incrible», conta Ana.

A pontevedresa, á que sempre lle gustaran as manualidades, enganchouse enseguida a esta arte. Primeiro, de forma autodidacta. Despois, asistindo a algúns cursos máis específicos.

Unha década despois daqueles inicios, Ana Gómez é unha auténtica experta en amigurumi, imparte clases en Santiago e ten na súa casa unha colección de bonecos de gancho que o invade todo. «Calquera día bótanme de casa», di rindo.

A artesá perdeu a conta de cantos amigurumis conviven con ela. «Teño unha colección inspirada no mundo Disney e o mundo dos contos. Pinocho, Pepito Grillo, os tres cerditos e o lobo coas súas casiñas, Ricitos de ouro e os tres osos, os Pitufos e Garfield, Torta de amorodo, as princesas Disney... Tamén teño un nacemento ao que cada ano lle aumento un pouco», explica esforzándose por facer memoria. «Encantaríame facerlle escenarios para todo. Estou a pensar en facer, por exemplo, a carpintería de Geppetto con goma eva», explica a artesá.

Ana Isabel Gómez, que ten familia na Estrada, de onde era orixinario o seu pai, empezará este mes de novembro a impartir clases de amigurumi na mercería Punto Dobre (rúa Calvo Sotelo, 21). Os talleres, con prazas limitadas para poder traballar en pequeno grupo, serán os sábados pola mañá ou pola tarde e prolongaranse ata xuño.

Segundo explica a artesá, non é preciso saber ganchillar para anotarse ás clases. «Empezamos de cero. Ao principio custa un pouquiño estar pendente de contar os puntos para facer aumentos ou diminucións, porque vas tecendo en espiral e non sabes onde acaba. Non é difícil, pero é laborioso porque as figuras ás veces levan moitas pezas», advirte.

Non hai tempos marcados para confeccionar un amigurumi. «Dependendo do tamaño, do elaborado que sexa o boneco e do tempo que lle dediques, podes tardar unha semana ou meses», comenta.

A mestra asegura que o amigurumi, ademais de artesanía, é pura terapia. «Evádeste de todo. Contando puntos esqueces ata de que existes. En Santiago teño alumnos que empezaron como terapia, en lugar de ir ao psicólogo. Ningúns incluso por recomendación médica. En clase non podes pensar en nada e reláxaste, aínda que moitas veces acabamos contándonos a nosa vida. Temos moi bo ambiente e pasámolo xenial. Ata facemos un par de excursións ao ano», comenta Ana Isabel Gómez. «É fantástico ver como emana ese mundo da creatividade que ás veces cremos que non temos. A xente sente moi realizada. En Santiago somos sobre todo mulleres, pero tamén temos algún mozo e está encantado», conta.

Unha colección de bonecas que daría para unha mostra

Ana Isabel Gómez non só é adicta aos amigurumis que ela mesma fabrica. Tamén é unha grande apaixonada do mundo dos xoguetes. Nos faiados da súa casa familiar recuperou varias decenas de bonecas dos anos sesenta en diante. A maiores, comprou algunhas máis. Na actualidade ten na casa un pequeno museo privado con 54 pezas, desde bonecas Nancy dos sesenta ata Barriguitas de todo tipo. «O mundo das bonecas fascíname. Pensei en expolas, pero de momento non xurdiu a ocasión», comenta.