O estradense que cabalga o seu soño

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

Pedro Barros atopou o seu ikigai no salto ecuestre: chegou ao Campionato de España catro veces e loita por facer profesión da súa paixón

18 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Un día á saída do colexio a Pedro Barros Ansedes (A Estrada, 2001) déronlle un folleto publicitario da escola de equitación Haras de Compostela. A Pedro, que nunca tivera unha especial predilección polos cabalos, entroulle a curiosidade e comentoulle aos seus pais que lle apetecía probar a experiencia. Os seus pais apoiárono sen dubidalo, aínda que entón non podían sospeitar sequera que aquela afección repentina ía ter tanto percorrido.

Corría o ano 2013 cando Pedro Barros empezou a montar dacabalo naquela escola da contorna compostelá que levan Roberto Turnes e a estradense Rocío Carollo. Nada máis chegar, Pedro sentiuse como peixe na auga. «Gustoume desde o primeiro momento», explica. Desde o minuto cero notou unha conexión especial cos cabalos e co seu adestrador. Pronto tivo claro que a hípica chegara á súa vida para quedarse.

Foi entón cando Pedro tivo o seu primeiro cabalo, Fido. «Ao principio a intención non era o salto», conta o xinete. Pedro montaba un día por semana e era máis que feliz así. Competir non lle interesaba.

Con todo, vendo as súas progresión e as súas cualidades, o seu adestrador, sen presión, propúxolle empezar a participar nalgún concurso hípico da zona. «Chámanlle os ‘socialitos' e celébranse na zona de Santiago», comenta o xinete. Neles Pedro Barros atopou a seguridade en si mesmo que a faltaba e sentiuse preparado para probar sorte noutras competicións. E foille máis que ben.

Entón todo empezou a dispararse. Os esforzos e as alegrías. Os adestramentos pasaron a tres días por semana, as competicións foron cada vez máis e a familia tivo que comprar outro cabalo co que poder afrontar saltos de maior entidade. «Empézase montando, trotando, galopando e subindo barritas a 50, a 80 ou 90 centímetros, logo a un metro, despois 1,10 e agora estou en 1,20 metros», di Pedro Barros. O xinete atopou a sincronía perfecta co seu novo cabalo Famous dous Fidalgos, un exemplar portugués que xa ten 15 anos pero que chegou a saltar a 1,45 metros.

Na equitación, xinete e cabalo han de entenderse ben para que o binomio chegue a bo porto. Pedro e Famous conseguírono e grazas a iso o xinete acaba de participar por cuarta vez no Campionato de España de Saltos. Esta vez fíxoo na categoría de Clásico 1:20, na competición celebrada a semana pasada —do 8 ao 12 de outubro— en Vejer de la Frontera (Cádiz).

Á marxe dos concursos e probas clasificatorias para os campionatos de España, Pedro Barros tamén participa habitualmente nos Concursos de Saltos Internacionais dunha ou dúas estrelas que se celebran en Portugal, en localidades como Matosinhos, Ponte de Lima, Barcelos ou Esposende. Portugal queda ao xinete a tiro de pedra e alí a tradición ecuestre é maior e os concursos proliferan máis.

Pese ao risco que implica a disciplina de salto sobre un animal de 500 ou 600 quilos, Pedro Barros ten claro que quere esa adrenalina na súa vida. Xa probou algunha caída e algunha rotura, pero o que lle está dando a hípica compensa con fartura. «Encantaríame poder dedicarme profesionalmente a isto un día. Gañarse a vida como xinete profesional é moi complicado, pero tamén me gustaría poder dedicarme a algo relacionado», conta o xinete estradense. Quen sabe?. Igual de imposible parecía que un neno que por casualidade recibiu un folleto dunha escola de hípica acabase sendo habitual nos Campionatos de España.