Un total de 24 centros da zona disporán este curso de auxiliares de conversación

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Proporcionados pola Consellería de Educación todos son de inglés, menos un de francés destinado ao IES Laxeiro

02 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Un total de 24 centros educativos da zona disporán este curso de auxiliares de conversación. Serán todos de inglés, excepto un de francés destinado ao IES Laxeiro de Lalín. Na Estrada contarán con este profesorado de apoio os colexios Cabada Vázquez e o Pérez Viondi, así como os de Ou Foxo, Oca, Figueiroa e o Manuel Villar Paramá, aos que se suman os institutos Avelina Valladares e Antón Losada Diéguez.

Disporán tamén destes auxiliares os colexios de Agolada, Dozón e Rodeiro, así como o Vicente Arias da Maza, o Varela Buxán de Lalín, así como o IES Laxeiro, que contará con dous, do mesmo xeito que instituto Pintor Colmeiro de Silleda.

En Vila de Cruces súmanse o colexio Nosa Señora dá Piedade, o Cerdeiriñas de Piloño e o instituto Marco do Camballón. A lista complétase con cinco centros educativos de Cerdedo-Cotobade que son o colexio San Xoán Bautista de Cerdedo, os de Carballedo e o de Tenorio, así como o instituto de Carballedo. Nalgúns casos, hai auxiliares de conversación que desenvolverán o seu labor de forma compartida en máis dun centro educativo.

Onte, o conselleiro de Educación, o lalinense Román Rodríguez, deu a benvida aos 690 auxiliares de conversación que prestarán apoio este curso en 791 centros de Galicia. Rodríguez animou a estes profesores, procedentes de 19 países, a aproveitar a súa estancia en Galicia para «coñecer a nosa cultura» pondo en valor un programa que supón tamén para os alumnos coñecer máis de preto eses 19 países dos que proceden os docentes.

Con 15 anos de funcionamento, o programa, rexistra, dixo, un alto grao de satisfacción tanto por parte do profesorado como por parte das persoas coordinadoras dos centros que participan. Proba deles é que o 50% dos auxiliares solicitan renovar un ano máis en Galicia. Ao longo do curso participan en actividades de apoio á docencia da lingua estranxeira no seu centro de destino, sempre baixo a supervisión dun profesor que exerce de titor e coordinador. Aínda que na zona, o labor será en todos os casos menos un que será en francés, de apoio ao ensino da lingua inglesa, o programa abarca ademais auxiliares de apoio en portugués, alemán e chinés.