Polos que non están

DEPORTES

Óscar Cela

13 jul 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Os xeonllos de Sara Álvarez e María Araújo, o cambio de peso de Rodrigo Conde, o último combate de María Mariño, a decisión federativa de Miguel Alvariño. Do mesmo xeito que a caída de Javier Gómez Noya hai cinco anos. Ás veces convén pararse a observar esas preparacións olímpicas que eran cara e, dun momento a outro, convertéronse en cruz. Analizar, sobre todo, a enorme cantidade de pezas que hai que encaixar ata chegar a colocarse a acreditación e o que eses pequenos detalles poden facer variar o panorama. Porque Sara se convertería na primeira yudoca olímpica galega, Araújo sería outra pica máis da nosa terra no equipo de baloncesto, Rodrigo posporía o debut precoz de Caetano Horta, Miguel non deixaría paso ao seu veciño Daniel Castro e Gómez Noya estaría agora probablemente ocupado noutros mesteres. O habitual é non estar, sexa por cuestións deste tipo ou, sinxelamente, porque estar é o insólito. Por iso ter a unha vintena de deportistas ondeando a bandeira de Galicia polo Xapón, máis despois duns meses como os que estamos a pasar, só pode significar unha cousa: unha auténtica barbaridade.

O mesmo pensarán outros que, de diferente xeito, tampouco están. Aqueles que, desde outra perspectiva, pensaron que os Xogos de Río, hai cinco anos, non serían os últimos que ían vivir. O atleta Alejandro Gómez, os remeiros Jesús González Guisande e José Luis Méndez, ou Suso Morlán, sempiterno adestrador de David Cal, deixaron de estar, que non de existir, porque cando un acada o Olimpo, poucas veces desaparece. Catro personaxes que corroboraron aquilo que dixo o propio galgo de Zamáns na súa última entrevista con La Voz antes de deixarnos: «A vida ten un principio e un final, que ás veces chega demasiado pronto». Seguramente o final destes Xogos, como sempre que se goza algo, tamén vaia ser precipitado. Mentres tanto, celebremos aos que estarán, polos que non puideron.

Álvaro Alonso é autor do libro Galicia Olímpica